Imprimir

Rego: "Xa houbo paciencia de sobra coa AP-9"

Redacción | 13 de xaneiro de 2021

No centro, con máscara negra, Néstor Rego, hoxe en Vigo. (Foto: Europa Press)
No centro, con máscara negra, Néstor Rego, hoxe en Vigo. (Foto: Europa Press)
O BNG anuncia mobilizacións para febreiro se non hai avances na liberación das portaxes da autopista.

As galegas e galegos “xa tiveron paciencia de sobra coa AP-9”. Así contestou hoxe o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, ás declaracións realizadas por parlamentarios do PSdeG que pedían “paciencia” sobre a negociación do Goberno estatal con Audasa para bonificar as portaxes da autoestrada. 

Rego reiterou que “non se entende” que o Goberno de Pedro Sánchez non cumprise co acordo da investidura ao que chegaran PSOE e BNG, aplicando as bonificacións na peaxe da AP-9 e suprimindo a taxa entre Vigo e Redondela, cando “existen partidas nos Orzamentos Xerais do Estado” e cando “tiveron un ano” para facer as modificacións normativas precisas. 

O deputado nacionalista insistiu en que “se a día 1 de febreiro o Goberno non rectifica” e non se teñen aplicado as medidas, que “é o mínimo que se debe facer”, o BNG “chamará a sociedade galega á mobilización” e apoiará as realizadas polos colectivos veciñais, profesionais e transportistas. 

Rego recordou que a AP-9 é das poucas autoestradas que quedan no Estado español cunha longa concesión e que, por cuarto ano consecutivo, neste 2021 aplicouse “a subida nas peaxes más importante de todas as autoestradas do Estado”. Ademais, insistiu en que o Bloque mantén a súa reclamación de que a AP-9 se transfira a Galiza e que “o ideal sería que, antes diso, houbese un rescate e quedase libre de portaxes”.

O deputado fixo estas declaracións despois do encontro que mantivo coas representantes veciñais de Chapela e Trasmañó (Redondela) e de Teis (Vigo), no que tamén participaron as deputadas do BNG Alexandra Fernández e Carmela González, e os portavoces municipais de Vigo, Xabier P. Igrexas, e Redondela, Xoán Carlos González

"As cidadás non queren máis escusas"

O portavoz da Asociación Veciñal de Teis, Anxo Iglesias, recordou que tanto esa parroquia como as de Redondela levan “anos reivindicando a eliminación da peaxe” e advertiu de que “os e as cidadáns non queren máis escusas”.

"Xa fomos enganados unha vez, cando o ministro Íñigo de la Serna prometeu en 2018 que se ía eliminar a peaxe en xullo dese ano, e estamos en 2021", denunciou. Ademais confirmou que os colectivos veciñais convocarán "en breve" mobilizacións.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/rego-xa-houbo-paciencia-sobra-coa-ap-9/20210113212053113712.html


© 2021 Nós Diario