sábado 23/01/21

BNG exixe ao Goberno español aplicar as baixadas na AP-9 neste mes ou chamará a mobilizacións

Néstor Rego considera a nova suba das peaxes unha vergoña e entende que o “grave incumprimento” por parte do Goberno estatal do asinado co propio BNG no acordo de investidura é un “desprezo a Galiza”.

 

Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados. (Foto: Europa Press)
Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados. (Foto: Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego compareceu en conferencia de prensa para avaliar a nova suba das peaxes da AP-9 aplicadas no día 1 de xaneiro e que converteron esta autoestrada de novo na que máis sobe de todo o Estado español.

Rego considera "inadmisíbel" que as peaxes sufran una nova suba "cando no acordo de investidura o BNG incorporou a previsión de que por primeira vez en corenta anos se produzan baixadas e descontos e, ademais, existen as partidas orzamentarias necesarias para poder aplicalas".

O deputado anunciou que o BNG rexistrará nesta semana unha iniciativa no Congreso para que o Ministerio de Transportes aclare por que non aplicou estas baixadas. Considera que houbo tempo abondo para que as mudanzas normativas que hai que realizar vía decreto puideron estar previstas con antelación para que as novas tarifas entrasen en vigor no comezo do ano. "O Ministerio sabía con certeza que os Orzamentos do Estado ían ficar aprobados en decembro e imaxino que tamén sabía que o ano comeza no día 1 de xaneiro", ironizou.

En todo o caso, Rego considera que tres semanas son máis que suficientes para que o Ministerio poida proceder a aprobar os cambios regulamentarios e neste mes de xaneiro que entren en vigor as novas tarifas con rebaixas e descontos para as persoas usuarias recorrentes.

Se así non se fai, advirte Rego, o BNG chamará a sociedade galega a se mobilizar para obrigar o Goberno español  "a cumprir o previsto no acordo de investidura e a asumir na práctica os compromisos coa Galiza".

O deputado do BNG sinala que "existe un enorme enfado e descontento que diariamente nos fan chegar tanto particulares como profesionais do transporte polo incumprimento do Ministerio ao non veren reflectidas as baixadas das peaxes no comezo de ano, polo que esperamos que o Goberno e os partidos que o apoian reflexionen e rectifiquen canto antes.

Rego lembrou que no Acordo de Investidura está previsto que non se proceda á suba do 1% acumulativo durante 20 anos previsto nos convenios asinados en 2011 (José Blanco-PSOE) e 2013 (Ana Pastor-PP), que se libere de portaxes o tramo Vigo-Redondela e que se estabelezan bonificacións de 100% para as persoas usuarias recorrentes (aquelas que fagan dúas viaxes ou máis no mesmo día).

comentarios