O PSdeG pide "un pouco de paciencia" nas negociacións con Audasa pola AP-9

Fernández Leiceaga considera que sería "unha mala estratexia de negociación" aceptar un acordo precipitado con Audasa.
O deputado no Congreso Gonzalo Meijón, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga e a parlamentaria Ana Prieto, onte, na sede do PSdeG (Foto: Europa Press).
photo_camera O deputado no Congreso Guillermo Meijón, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga e a parlamentaria Ana Prieto, esta terza feira, na sede do PSdeG (Foto: Europa Press).

2021 comezou cun sorpresivo aumento das portaxes da AP-9 (0,92%), unha das tres únicas autoestradas do Estado español que incrementou as súas tarifas no canto de reducilas. Esta nova provocou as protestas do sector do transporte na Galiza, así como no BNG, formación que pactara a rebaixa das portaxes no acordo de investidura co PSOE en xaneiro do pasado ano para dar resposta a unha demanda histórica das nacionalistas.

Agora as socialistas piden "un pouco de paciencia" nas negociacións do Goberno estatal coa concesionaria Audasa para alcanzar un bo acordo sobre a rebaixa das portaxes que permita ofrecer unha solución até 2048, ano en que remata o contrato actual. "O orzamento aprobouse hai menos de 15 días e agora pídese que ao día seguinte estea isto resolto", expresou esta terza feira o coordinador do PSdeG no Senado e presidente do partido no país, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Asegurou que a única forma de resolver esta situación o antes posíbel sería "asinar o que poña diante a empresa", e considerou que iso non sería positivo "nin para Galiza nin para as galegas nin para as usuarias da AP-9".

Alén disto, engadiu que se debe "negociar con Audasa" porque calquera decisión "unilateral" podería ser "cuestionada polos tribunais", e salientou que "pór calendarios moi concluíntes" sería "unha mala estratexia de negociación" porque podería "obrigar" a materializar o acordo cando é menos conveniente.

O senador lembrou que a prórroga da concesión a Audasa até 2048 foi "unha decisión" do Goberno de Mariano Raxoi que contou cunha postura "cómplice" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. "A dificultade que ten esta cuestión hoxe pasa porque hai que atender a situación até ese momento, quedan 27 anos e hai que reflexionar, hai que financiar o uso da AP-9 por parte das condutoras recorrentes", indicou.

Partidas incluídas nos Orzamentos Xerais

Cómpre salientar que os Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021 inclúen partidas por valor de 50 millóns de euros para rebaixar as portaxes da AP-9, aos que habería que sumar 1,5 millóns para a liberalización do treito Vigo-Redondela e outros 3,4 millóns para evitar a suba acumulativa anual de 1%.

Así mesmo, o documento contempla tamén unha partida superior aos 8 millóns de euros para manter a supresión das portaxes nos tramos Vigo-O Morrazo e A Coruña-O Barcala, vixente desde 2006.

Comentarios