Imprimir

O PSdeG retira a blindaxe a José Blanco e vota a favor da investigación de Angrois

X.M. | 24 de maio de 2017

Taboleiro de marcas do Pazo do Hórreo co resultado da votación
Taboleiro de marcas do Pazo do Hórreo co resultado da votación

Primeira secuela na política galega do triunfo de Pedro Sánchez nas primarias. Por vez primeira no Pazo do Hórreo, o PSdeG votou esta cuarta feira a favor dunha iniciativa parlamentar a prol da constitución dunha comisión de investigación sobre a traxedia de Angrois. Até o de agora, o grupo socialista optaba por blindar o ex ministro de Fomento, José Blanco, e evitaba apoiar as pesquisas sobre a súa xestión.

Blanco defendeu nas primarias a candidatura de Susana Díaz. Apenas tres días após o triunfo de Pedro Sánchez, o ex ministro de Fomento fica sen blindaxe e ve como o seu grupo no Pazo do Hórreo respalda unha iniciativa, desta volta de En Marea, para instar a constitución dunha comisión de investigación no Congreso dos Deputados sobre o sinistro do Alvia.

Perguntado esta mesma cuarta feira na Radio Galega por esta mudanza na posición da súa formación política, o ex ministro de Fomento e eurodeputado dixo respeitar o sentido de voto do PSdeG perante esta iniciativa e mostrou a súa "disposición" a "comparecer e dar explicacións" no Congreso.

"Eu a única responsabilidade que tiven como ministro de Fomento foi tratar de garantir os investimentos para as infraestruturas de Galiza se poderen desenvolver", dixo.

O que estaría en cuestión da súa xestión non sería tanto os maiores ou menores investimentos, senón a decisión que levou a que non estivese instalado na curva de A Grandeira o sistema de freado automático ERTMS, un dispositivo que tería evitado que un erro humano, o do maquinista, se transformase nunha traxedida saldada con 80 vítimas mortais e 145 persoas feridas.

En novembro de 2011, nunha reunión coa plataforma de vítimas do sinistro, o eurodeputado socialista dixo que non soubo que a curva de A Grandeira carecía de ERTMS até tres días despois do descarrilamento do comboio.

A comisión de investigación tería como obxectivo depurar as responsabilidades políticas, sendo que as penais xa están a seguir o seu curso nunha causa en que até o de agora están imputados o maquinista e un ex director de Seguranza do ADIF.

En todo caso, e embora PSdeG e BNG uniren os seus votos a En Marea, a iniciativa foi rexeitada ao ser votada en contra polo Partido Popular. A formación conservadora si que votou a prol da constitución desta comisión na asemblea parlamentar de Castela e León, naquela ocasión tamén co apoio do grupo socialista. 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/psdeg-retira-blindaxe-jose-blanco-vota-favor-da-investigacion-angrois/20170524170440057830.html


© 2020 Nós Diario