Vai xa para dúas semanas que a ministra en funcións de Exteriores do Estado español, Margarita Robles, desaconsellou viaxar aos campamentos de refuxiadas e refuxiados saharauís en Tinduf, no norte de Alxeria, debido a informacións que alertaban de inminentes accións terroristas na zona contra persoas e intereses do Estado español. Nos últimos días reiterou o aviso, aconsellando as cidadás e cidadáns do Estado que regresasen canto antes. Nesta ocasión sinalou Alxeria como a fonte da información.
Porén, tanto o Goberno alxerino como o da República Árabe Saharauí e a Fronte Polisario desmentiron tales informacións, aseverando que non existe maior perigo que noutros emprazamentos europeos. Desde o Polisario acusan Marrocos de estar detrás destas alarmas para impedir que no mes de decembro se despracen con axuda humanitaria aos campamentos saharauís cidadáns e cidadás do Estado español, aproveitando os días feriados e as vacacións de Nadal. Da mesma maneira sospeitan que Marrocos tamén estaría interesado en lastrar o desenvolvemento do XV Congreso do Polisario, no que se podería acordar un endurecemento das posicións perante a falla de vontade da comunidade internacional para levar a cabo o referendo de autodeterminación. Sobre a situación no Sáhara e as perspectivas de futuro conversamos co ministro de Exteriores da RASD.
España recomenda non viaxar aos campamentos saharauís por alerta terrorista. Como está a situación?
En nome do Goberno da República Saharauí e da Fronte Polisario quero condenar da maneira máis vigorosa posíbel as formas coas que actuou o Goberno español a este respecto En primeiro lugar cómpre aclarar que a alerta realizada en nome do Ministerio de Asuntos Exteriores español parte a iniciativa do Executivo de Marrocos. De feito, o comunicado fíxose público após o ministro de Exteriores marroquí ser recibido polo presidente do Executivo Pedro Sánchez e por Josep Borrell, até hai pouco tamén responsábel da carteira de Exteriores. A ministra en funcións de Defensa, que tamén asumiu a área de Borrell, Margarita Robles, asegurou que a información sobre o risco de atentados terroristas chegou a España a través de servizos estranxeiros. Nós sabemos que eses servizos non son outros que os marroquís.
Existe por tanto ameaza terrorista nos campamentos de Tinduf?
O risco de ataque terrorista nos campamentos de refuxiados en Tinduf é o mesmo que pode haber na cidade de Madrid.
Falarmos de ameaza terrorista é falar dun fenómeno internacional do que tanto España como calquera país pode ser vítima. Trátase dunha ameaza que alcanza niveis mundiais.
Ademais, acontece en relación a isto algo moi grave que pode levar a pensar que, ou ben non existe ese risco, ou ben que España oculta información aos países que poderían sufrir eses ataques. É dicir, o que me sorprende é que quen supostamente ten esa información detallada sobre un ataque inminente non informe directamente a todas as potencias interesadas, que tamén serían neste caso Alxeria, o Sáhara e a misión das Nacións Unidas, é dicir, que non informen a quen poderiamos ser branco de tales ataques. É ben curioso.
Que interese tería Marrocos en xerar esa alarma?
Os servizos españois e o Ministerio de Exteriores son sabedores de que a nacionalidade marroquí é a máis común entre as persoas que cometen ataques terroristas nos países de Europa.
No norte de Malí, ao igual que en todo o noroeste da rexión africana, a gasolina do terrorismo é a droga marroquí. Refírome con isto a que a principal mercadoría de Marrocos é a droga, a cal é transportada por mafias organizadas polo Exército de Rabat ao longo do muro que este Estado construíu para separar e oprimir o Sáhara.
Coroneis marroquís abren acotío fendas nese muro para facilitar o paso de bandas terroristas e de traficantes de drogas. Esta complicidade do Goberno de Rabat é ben coñecida por todos os servizos de intelixencia das potencias mundiais. Desta maneira, podemos ver como a relación de Marrocos con España e Europa é de chantaxe permanente de Rabat. E isto non acaba aquí, xa que a través dos servizos dese Executivo infíltranse falsos imáns dentro da diáspora marroquí, constituíndo unha ameaza grave e permanente contra as institucións, a cidadanía e a paz social en España.
Con todo, Francia e España, en lugar de presionar Marrocos para frear as mafias que se enriquecen a costa das persoas migrantes e do comercio de drogas, fan de cómplices da súa política e entre todas estas potencias obstaculizan o proceso de paz defendido pola ONU e impiden a realización do referendo de autodeterminación para a finalización do proceso de descolonización no Sáhara Occidental.
O papel do Goberno español é lamentábel, condenábel e inaceptábel
[Podes ler a entrevista íntegra no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
“