As novas limitacións da Xunta para a hostalaría supoñen “un fechamento encuberto”, consideran desde a plataforma Shostalaría da Coruña nun comunicado remitido este sábado, 9 de xaneiro. Consideran que as medidas “afogan máis un sector de por si xa moi castigado” e “non deixan traballar coa eficiencia necesaria para manter a maioría dos negocios”, e acusan a Xunta de que coas novas medidas o que buscan é non ordenar fechamento total e así non asumir o pago "dunhas indemnizacións máis que necesarias".
Desde a plataforma tamén critican a Xunta por cargar de responsabilidade a hostalaría e a cidadanía acusándoas de recalcar “a actitude inconsciente de moitas persoas”, unha estratexia, na opinión da plataforma, para que a Administración non asuma responsabilidades e estas sexan postas sobre as e os traballadoras e a cidadanía.
“Nós si que recoñecemos as nosas responsabilidades, sabemos o risco implícito do noso sector, xa que a socialización é o seu principal valor, pero sabemos que os nosos negocios son e poden ser aínda lugares seguros. Por iso pedimos unha máis forte implicación das Administracións con campañas publicitarias de concienciación e información para a cidadanía e para posíbeis visitantes que veñan ás nosas cidades, vilas e aldeas”, din no comunicado.
Aliás, o presidente da Asociación de Hostalaría da Coruña, Héctor Cañete, avanzou que convocaron unha cazolada na praza de María Pita para a vindeira terza feira, 12 de xaneiro, ás 19,00 horas, para trasladar que non son "responsábeis" do nivel de contaxios.
"Así non se pode traballar", din desde a hostalaría en Compostela
Fontes do sector da hostalaría de Compostela trasladaron queixas polas medidas da Xunta, sobre todo no que respecta "aos continuos cambios" sobre horarios e condicións de apertura. "Así non se pode traballar", censuraron, nunha xornada na que -pese ao frío- algúns composteláns se animaron a tomar unha consumición nalgún dos locais de hostalaría da cidade.
Lois López, directivo da Asociación Hostalería Compostelá, cuestionou as medidas e o feito de que non se lles dea "unha pequena marxe de adaptación". "Unicamente a hostalaría é a penalizada e estas restricións, desproporcionadas, non van acompañadas de medidas económicas", lamentou.
Mesmo di que hai subvencións que aínda non chegaron, como a liña de microempresas. “Anunciouse que se ingresarían metade en decembro e metade en xaneiro pero a día de hoxe aínda non se fixo efectiva ningunha cantidade”, afirma López.
En fronte, a Xunta defendeu este mesmo sábado as axudas facilitadas ao sector. Fíxoo tamén o propio vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na pasada xornada, en relación ao lecer nocturno, á vez que garantiu diálogo cos afectados e exixiu "implicación" do resto de Administracións.
Tamén volveron mostrarse preocupados desde o sector hostaleiro na zona de Ourense, onde se puido reabrir o 5 de decembro e xa entón fixeron críticas ás limitacións. Agora volven ás restricións cun horario que, ademais, impide as ceas temperás ás que estaban a conseguir afacer a súa clientela e reduciron o número de persoas por mesa, antes era 6 e agora é 4