sábado 16/01/21

Covid: A hostalaría ve "desproporcionadas" as medidas adoptadas pola Xunta

As zonas máis afectadas polas restricións anunciadas hoxe son Compostela, A Coruña e Ourense e parte das súas comarcas. O sector amósase enfadado porque se lle faga culpábel do aumento de casos. Rexeitan que os contaxios se estén a dar nos seus negocios e os concellos afectados piden axudas para estas empresas.
Concentración da hostalaría na praza de María Pita, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Concentración da hostalaría na praza de María Pita, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Escasas horas despois de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dera a coñecer as novas medidas adoptadas co comité clínico para evitar unha expansión aínda maior da pandemia dada a entrada da Galiza na "terceira onda", o sector da hostalaría está a mostrar o seu descontento con que ser o principal prexudicado. As restricións que impón a Xunta afectan, basicamente, aos horarios e a capacidade destes negocios en Compostela, Ourense e A Coruña e a representación do empresariado entenden que as decisións son "desproporcionadas".

As maiores limitacións, segundo indicou Sanidade, van estar en Compostela, Teo e Ames, que terán un fechamento perimetral conxunto e pasan a ser zona de risco extremo. Isto implica que os estabelecementos terán que desaloxar á clientela ás 18 horas, pero só das terrazas.

O nivel escollido para esta comarca fai que o interior dos locais quede inhabilitado para atender e as terrazas poidan ter grupos dun máximo de catro participantes. A este respecto, o directivo da Asociación Hostalaría Compostelá Lois López lamenta que non lles dean “unha pequena marxe de adaptación”.

“Unicamente a hostalaría é a penalizada e estas restricións, desproporcionadas, non van acompañadas de medidas económicas”, remarcou, lembrando que a Xunta en ningún caso está abrindo o diálogo co sector.

Mesmo di que hai subvencións que aínda non chegaron, como a liña de microempresas. “Anunciouse que se ingresarían metade en decembro e metade en xaneiro pero a día de hoxe aínda non se fixo efectiva ningunha cantidade”, afirma López. Desde o seu punto de vista tampouco se pode vincular o incremento dos contaxios á hostalaría porque non é a súa responsabilidade, de feito nin houbo festas nin ceas de empresas. En Compostela, ás portas do Xacobeo, padeceron “unha diminución dos ingresos dun 80%” nesa campaña especial.

"Indignación"

Na Coruña xa se preparan protestas por rexeitar esa mesma acusación velada do Goberno galego, que sexan “responsábeis” da evolución do coronavirus. O presidente da Asociación de Hostalaría da Coruña, Héctor Cañete, avanza que haberá unha cacerolada en María Pita a terza feira ás 19 horas.

Ao ser preguntado sobre o seu parecer a respecto das prohibicións e os recortes de horarios (tamén até as 18 horas) e de capacidade, Cañete asegurou que as e os empresarios están “moi indignados”.

Desde o seu punto de vista, non se entende que os centros comerciais poidan estar “cheos” e levar a unha “situación límite” á hostalaría.

Axilidade nas subvencións

“É o enterro anticipado de moitos estabelecementos”, resumiu o presidente da Federación de Hostalaría de Ourense, Ovidio Fernández, pois xunto con Barbadás tamén terán o interior ao 30% e o exterior ao 50%, como na Coruña, Culleredo, Cambre e Arteixo.

Os representantes políticos destas localidades amosaron o seu respecto á decisión de Sanidade e das e dos expertos do comité, mais exixen que haxa “maiores axudas” e estas cheguen de forma “máis áxil”, como sinalou a rexedora da Coruña, Inés Rey.

Covid: A hostalaría ve "desproporcionadas" as medidas adoptadas pola Xunta
comentarios