Imprimir

O Goberno central sobe ao 6,5 a nota mínima para acceder a unha bolsa

F. C. | 22 de xullo de 2017

Aula universitaria, imaxe de arquivo
Aula universitaria, imaxe de arquivo

A partir de agora a nota mínima para acceder á bolsa que permite o aforro da matrícula do primeiro curso universitario será un 6,5 e non o 5,5 como até o de agora. Así o vén de decidir o Goberno central, que publicou este sábado no BOE unha disposición adicional ao real decreto sobre bolsas sen previo aviso.

Sen telo advertido antes, o Goberno central publicou este sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE) unha disposición adicional no Real Decreto 726/2017, de 21 de xullo, polo que se estabelecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2017-2018 que representa un recorte no acceso ás bolsas universitarias. E iso malia que nunha rolda de prensa advertira na sexta feira de que non habería grandes mudanzas no sistema de axudas.

 

A partir do presente curso, a nota mínima para acceder á bolsa que supón un aforro na matrícula do primeiro curso será un 6,5 e non un 5,5. Ese 6,5 é a nota de acceso á universidade, que se calcula en función da nota do Bacharelato e da antiga selectividade, mais exclúe as cualificacións das materiais opcionais. Isto significa que o 6,5 é sobre 10 e non sobre 14.

 

Foi a partir de 2013 cando a nota mínima para acceder a esta bolsa subiu do 5 ao 5,5.

 

Catro ítems da bolsa

 

Segundo o recollido no BOE, só unha vez acreditado o 6,5 de nota mínima, o alumnado poderá optar aos catro factores da bolsa dispoñíbeis: a contía fixa ligada á renda (1.500 euros); a contía fixa ligada á residencia (1.500 euros), a contía variábel (mínimo 60 euros) e a bolsa de matrícula (pago do prezo público oficial dos créditos matriculados pola ou polo estudante por vez primeira).

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/goberno-central-sobe-ao-6-5-nota-minima-acceder-bolsa/20170722192541059760.html


© 2020 Nós Diario