Haberá turistas que á hora de escoller destino poidan decantarse pola Galiza polo feito de termos lingua propia? Esta e outras preguntas foron debatidas no curso Lingua e Turismo que hai uns días desenvolveu a Universidade da Coruña no concello de Carballo. As xornadas versaron sobre como focar e potenciar o uso da lingua no turismo e sobre as ferramentas para a transmitir desde diversos ámbitos o galego como un valor e un recurso que teña interese en ser coñecido e valorado polo turismo.
Rei apunta a existencia dun importante número de turistas que visitan a nosa nación para descubrir unha nova cultura, en que o galego é alicerce principal
Efectivamente existe un sector importante, polo de agora non maioritario, que viaxa á Galiza entre outros motivos polo feito de termos lingua propia. Así o considera o director do curso Lingua e Turismo e profesor da UdC Xosé Manuel Sánchez Rei, quen resalta como peza chave á hora de atender as potencialidades da lingua neste sector “situar o galego non como algo folclórico, senón como algo fundamental da cultura e un valor atraente turístico”.
Sánchez Rei explica a Sermos Galiza como moita xente que visita a nosa nación non só desexa coñecer e gozar da paisaxe, gastronomía e música, senón que tamén quere descubrir unha nova cultura, en que o galego é alicerce principal.
Para desfrutar dun dos principais reclamos turísticos da Galiza como é a gastronomía, Sánchez Rei non imaxina como facelo sen o galego, e pregúntase como traducir elementos tan propios da cultura galega “como vieira, filloa, albariño ou muiñeira”
Nese sentido resalta o profesor a imposibilidade de separar valores culturais do país que son reclamos turísticos (arte, música ou festas) da lingua, porque a maioría destas cuestións desenvólvense en galego.
Existe un turismo que non procura grandes concentracións nin avalanchas, e que se move motivado pola historia, a cultura e a lingua. “Para esta tipoloxía de turistas o galego é claramente un reclamo”, sinala Rei.
“Hai un turista intolerante que vai a un museo ou a un restaurante onde as indicacións están en galego ou mesmo en galego e en español e parécelles unha ofensa e presentan queixas”, lamenta Sánchez Rei
Aí están as potencialidades do galego precisamente no sector. Mais, como o indica Sánchez Rei, tamén hai un sector “mínimo do turismo” que ten condutas intolerantes cara ao galego e que ataca principalmente a nosa toponimia até deturpala.
“Hai un turista intolerante que vai a un museo ou a un restaurante onde as indicacións están en galego ou mesmo en galego e en español e parécelles unha ofensa e presentan queixas”, lamenta Sánchez Rei.
Chegan ás veces estas persoas ao extremo de entraren en restaurantes e marcharen ao veren a carta no noso idioma. Con todo, “son situacións minoritarias”, asegura, ao tempo que pon en valor as inmensas potencialidades que ten o galego, polo que reclama maior implicación dos poderes públicos para potencialas.