Feixoo rexeita o estado de alarma, mais pide actuar con contundencia

Alberto Núñez Feixoo insiste en que "se debería poder actuar con contundencia e con garantías" fronte á pandemia "sen ter que recorrer a un mecanismo extraordinario e excepcional" como o estado de alarma.
Alberto Núñez Feixoo (PP), onte no debate de investidura no Parlamento galego (Imaxe; Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (PP), onte no debate de investidura no Parlamento galego (Imaxe; Arxina)

Un Consello de Ministras extraordinario abordará hoxe a declaración dun novo estado de alarma co obxectivo de controlar o avance do virus, unha medida que non gusta ao Executivo galego, que se ben se amosa "a favor" de estabelecer restricións á mobilidade e en determinadas actividades, é partidario de actuar "con contundencia" mais "sen ter que recorrer" ao estado de alarma.

Así o manifestan fontes da Xunta, que se desmarcan doutros territorios como Asturias, Estremadura, A Rioxa, Castela-A Mancha, País Valenciá e Nafarroa, gobernados todos eles polo PSOE, así como Melilla, Euskadi, Catalunya e Cantabria, que reclaman a activación do estado de alarma.

Para apoiar a súa postura, fontes do Goberno galego argumentan tamén que este "ten un custo reputacional enorme para unha España xa moi danada pola pandemia e a súa xestión".

Reforma da Lei

Ao fío diso, lembran que a Galiza leva "meses defendendo o mesmo": cambios da lexislación sanitaria para poder tomar medidas "coas máximas garantías". Estes tamén son, engaden, "case un clamor no ámbito xurídico".

De feito, a Xunta enviou unha proposta de reforma da Lei Orgánica de Saúde ─unha das promesas de Feijóo durante o seu último discurso de investidura─ para "evitar a situación de incerteza" actual, que, segundo argumentan, é "consecuencia da inacción" do Goberno estatal por non acometela. "Perdemos seis meses nos que poderiamos estar listos para actuar ante esta segunda onda. Necesitamos unha lei sanitaria para resolver un problema sanitario, unha lei para a pandemia", remarcan as mesmas fontes.

Tras reiterar a súa negativa a que as limitacións para frear ao coronavirus pasen por un novo estado de alarma, a Xunta insiste en que "sempre" foi "partidaria de anticiparse e de tomar as medidas que sexan necesarias" con "importantes restricións" no territorio galego, a pesar de que a incidencia de casos era "moi inferior" na Galiza que noutros territorios.

Acougo e xestión

Segundo palabras do presidente Feixoo, esta decisión tería "unha enorme transcendencia" non só sanitaria, senón tamén económica e social, polo que insistiu en que "os acordos non se improvisan".

E é que aínda que Feijóo remarcou que Galicia "está a favor das restricións horarias diúrnas e nocturnas, a limitar mobilidade polo día e pola noite, con procedementos proporcionais" e "criterios epidemiolóxicos previos", avogou por facelo "sen alarmar como lamentablemente estamos a alarmar ao mundo".

"Nós pedimos acougo e un pouco de profesionalidade na xestión, abandonar as teses de só estado de alarma ou toque de queda, e irnos cara a leis coas que podamos xestionar a pandemia sen tensionar de forma innecesaria á poboación", dixo, antes de volver pór o foco tamén no "custo reputacional" fóra do Estado español.

Comentarios