O discurso de investidura de quen será elixido presidente deixou ver algunhas das iniciativas que marcarán a vindeira lexislatura, aínda por comezar. Entre as medidas adiantadas por Alberto Núñez Feijóo a pasada terza atópanse algunhas que xa foran aprobadas no anterior período de sesións, como a Lei de Medio; outras que serán presentadas e aprobadas polo novo executivo, como a futura Lei de Solo e outras que, malia contaren cun profundo rexeitamento social cando foron anunciadas no exercicio anterior, serán recuperadas a partir do inicio deste curso político.
Unha reforma institucional que vai alén da Cámara
O presidente en funcións asegurou durante a súa intervención no Parlamento que o novo executivo galego continuaría adiante coa iniciativa proposta polo grupo parlamentar popular na pasada lexislatura, con que procuraban aprobar a redución do número de parlamentares --iso si, de acordo co abano estabelecido polo Estatuto evitando ter que reformar o texto normativo. "Un dos meus primeiros compromisos será completar a reforma institucional iniciada na pasada lexislatura", aseguraba o candidado á presidencia da Xunta argüíndo que esta constitúe "unha das grandes oportunidades que esta crise puxo diante de todos nós", sentenciaba.
Segundo Feijóo a redución d@s deputad@s é unha "oportunidade" brindada pola crise
Nin o masivo rexeitamento da opinión pública, que vía tras a proposta a vontade de blindar a maioría do Partido Popular malia a tendencia á baixa no número de votos mantida durante as anteriores eleccións. Tampouco as denuncias expresadas polos grupos da oposición --que acusaban @s populares de quereren levar adiante un 'pucheirazo electoral', fixeron recuar o grupo parlamentar maioritario. Neste sentido, e se @s 'populares' manteñen a mesma actitude que na pasada lexislatura, as súas intencións serán aprobar a reforma "pola vía máis rápida", aseguraba Román Rodríguez naquela altura.
Porén, non só a redución de representantes está entre os plans de quen será re-elixido presidente da Xunta de Galiza, asegurou que o novo executivo continuará coa "diminución da estrutura da Xunta" para o que se aprobarán novas fusións no seo da Administración pública e promoverá novas medidas de austeridade que veñen a cumprir as demandas do goberno español. O executivo lidarado por Mariano Rajoy, prepara unha reforma da Lei de bases do réxime local con que reducir o número de concelleir@s e estabelecer os soldos percibidos polas alcaldías desde a administración local. Neste sentido, Feijóo avanzou que reformaría a Lei da Administración local "para ordenar os salarios dos cargos municicipais conforme a criterios obxectivos" e baixo o parugas da "austeridade", asemade, e para completar a reforma, asegurou que proporía á Cámara "unha nova redución das subvencións a partidos políticos, sindicatos e patronal" que viría sumarse á aprobada desde o goberno español.