Un dos tripulantes do hidroavión sinistrado cando realizaba labores de extinción no incendio forestal rexistrado no municipio de Lobios faleceu.
Informou diso a Consellaría do Medio Rural, que explica que o outro piloto sofre varios politraumatismos e foi evacuado a un hospital de Portugal en helicóptero.
Aínda que nun primeiro momento fontes da Delegación do Goberno informaron de tres feridos -os dous pilotos e un mecánico-, fontes do operativo consultadas por Europa Press explicaron que só foran atendidas dúas persoas -os dous pilotos-, unha información que tamén confirmou a Consellaría do Medio Rural, que detalla que no avión só viaxaban estas dúas persoas.
En concreto, trátase dunha aeronave CL-2015 da empresa civil Babcock, con sede en Matacán, Salamanca, á que o Goberno de Portugal ten alugados tres avións -dous operativos e un en reserva- en operados por Protección Civil no aeroporto de Castelo Branco.
O incendio no que o hidroavión prestaba labores de extinción e que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés rexistrouse en Lobios ás 8 horas da mañá procedente de Portugal.
Segundo as primeiras estimacións da Consellaría de Medio Rural, afecta a unhas 10 hectáreas en territorio galego. No control participan catro axentes, oito brigadas, tres motobombas, nove avións e cinco helicópteros.
O CIAE 112 Galiza solicitou a intervención dos servizos sanitarios, do GES de Lobios, Salvamento Aéreo e Rescate, así como da Garda Civil.