Unha deputada do PSOE, xunto a dous do BNG, presidirá a constitución do Parlamento, renovado ao 48%

O hemiciclo constituirase con 36 caras novas fronte ao de 2016, pero a formación de Goberno dará entrada a novos deputados e deputadas.

Sesión de control ao Gobierno da Xunta no Parlamento da Galiza (Foto: EP).
photo_camera Sesión de control ao Gobierno da Xunta no Parlamento da Galiza (Foto: EP).

A número dous pola provincia de Pontevedra do PSOE, Isaura Abelairas, será a presidenta accidental na sesión constitutiva do Parlamento da Galiza, que terá lugar o próximo 7 de agosto, cun hemiciclo con tres formacións políticas e que se renovou, con respecto ao que saíu das urnas en 2016, nun 48%.

O regulamento do Parlamento di que se constituirá provisionalmente cunha mesa de idade, na que estarán o parlamentario ou parlamentaria de máis anos, asistido polos dous máis novos que obtivesen un asento no Hórreo. Neste caso, participarán na constitución da Cámara Isaura Abelairas, que tamén é concelleira en Vigo, xunto a dous deputados do BNG: Daniel Castro (número dous por Lugo, nacido en 1996) e Paulo Ríos Kai, secretario xeral de Galiza Nova (número 6 por Pontevedra, nacido en 1993).

Antes da sesión constitutiva, xornada no que se elixen os membros da Mesa da Cámara -presidente, vicepresidentes e secretarios-, hai que superar unha serie de trámites e formalismos, como computar o voto emigrante, pendente de se decanta ou non o último deputado que se disputaron na noite electoral o PP e o PSOE, e respectar outros períodos de recursos.

Un hemiciclo con 36 caras novas

En total, haberá 36 caras novas no Parlamento da Galiza cando se constitúa, aínda que é previsible que, coa constitución do Goberno e o nomeamento dos altos cargos, as listas dos populares volvan renovarse no Hórreo de forma significativa.

Polo momento, os rostros "novos" con respecto ao Parlamento que se inaugurou en 2016 correspóndense con 14 do PPdeG: Fabiola García, Borja Verea, Carmen Pomar e Ovidio Rodeiro (na Coruña); Elena Candia, Cristina Sanz, Ramón Carballo e Daniel Veiga (en Lugo); Noelia Pérez, Gabriel Castro e José Antonio Armada (en Ourense); e Corina Porro, Marta Fernández-Tapias e Elena Suárez (en Pontevedra).

Do BNG son un total de 13 caras novas: Mercedes Queixas, Rosana Pérez, Ramón Fernández, Daniel Pérez e Iria Carreira, na Coruña; Daniel Castro e Carme Aira, en Lugo; Iago Tabarés e María González Albert, en Ourense; e Alexandra Fernández, Manuel A. Lourenzo Sobral, Carmen González Iglesias e Paulo Ríos Santomé, en Pontevedra.

Do PSOE haberá nove debuts. Pablo Arangüena, Noa Díaz e Martín Seco, na Coruña; Mariña Ortega e Juan Carlos Francisco Rivera, por Ourense; e Isaura Abelairas, Paloma Castro, Leticia Gallego e Noelia Otero, por Pontevedra.

Comentarios