Democracia Ourensá quere pactar con PSOE, Ciudadanos e BNG para expulsar Baltar

O portavoz de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, propón un pacto de catro forzas para explusar Manuel Baltar da presidencia da Deputación de Ourense. Manifestouno esta terza feira en comparecencia de prensa e no acordo inclúe PSOE, Ciudadanos e BNG.

jácome
photo_camera O líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome. Foto: Democracia Ourensá.

Pérez Jácome engadiu ademais que ese pacto debe estenderse ao Concello de Ourense. Nesa institución, o PSdeG foi a forza máis votada e obtivo nove edís, por sete do PP, sete de Democracia Ourensá, dous de Ciudadanos e dous do Bloque.

O goberno do ente provincial segue no aire á falta de rematar o reconto de votos en varios municipios. Se os resultados se manteñen tal e como se publicaron o domingo 26 de maio, o PP de Baltar perdería a maioría.

Mais é Ciudadanos o primeiro elo feble da estratexia de Pérez Jácome. En declaracións a Sermos Galiza, o concelleiro ourensán da formación laranxa, Laureano Bermejo, abriu a posibilidade de que o seu partido chegue a algún tipo de acordo co PP. “Estamos abertos a negociar o futuro da Deputación sen pechar portas a ninguén”, afirmou. 

Comentarios