Milagros Otero, a valedora do Pobo, volve estar no centro da polémica. O Tribunal Supremo rexeita o recurso que Otero presentara en xuño de 2018 contra o auto do TSXG que consideraba probado que a valedora do pobo se inmisciu no proceso de designación como xefa do servizo de administración e persoal da institución dunha persoa coa que tiña relación e que, alén de máis, é irmá do portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy. O Supremo conforma a nulidade daquel nomeamento e a oposición pide ao goberno galego que a destitúa.
Cómpre lembrar que en xuño de 2018 o PP comprometérase a retirar a confianza da Valedora se o recurso presentado por esta perante o Supremo non prosperaba. E non prosperou.
M.P.F. foi designada xefa de servizo da administración e persoal da Valedora do Pobo nun proceso en que se cometeron irregularidades, de acordo coa Sala do Contencioso do TSXG. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulou o nomeamento -nun fallo ditado a 29 de xuño de 2018- e ordenaba a repetición do proceso. No novo procedemento a actual valedora non podería ter "ningún tipo de intervención", sinalaba o TSXG.
M.P.F. é irmá do portavoz parlamentar do PP, sobriña de Fraga e filla dun catedrático de dereito do que é discípula a Valedora do Pobo, quen, segundo a sentenza, incorreu en "desvío de poder" e "arbitrariedade" ao se inmiscir no normal desenvolvimento do proceso movida polo "interese en que fose seleccionada a señora P.F."
Desde a súa chegada ao posto, en setembro de 2015, Milagros Otero estivo no albo das críticas de oposición, sindicatos e colectivos sociais que a acusan de ser “a valedora do PP”. O trato de favor a unha irmá do portavoz parlamentar do PP é o último capítulo.