Unha valedora cun currículo inzado pola polémica

Desde a súa chegada ao posto, en setembro de 2015, Milagros Otero estivo no albo das críticas de oposición, sindicatos e colectivos sociais que a acusan de ser “a valedora do PP”. O trato de favor a unha irmá do portavoz parlamentar do PP é o último capítulo.

milagros otero valedor do pobo

Milagros Otero, profesora de Dereito e Filosofía na Universidade de Santiago, tomou posesión do cargo de Valedora do Pobo a inicios de setembro de 2015. Era a aposta do PP para poñer fin á ‘crise’ aberta en 2012, cando dimitiu dese cargo Benigno López, cuxa defensa dos recortes e tesouradas da Xunta e a súa aposta mesmo en suspender a lei da dependencia xerou una forte contestación. O seu sucesor, o vicevaledor José Julio Fernández, estivo no cargo até nomear o Parlamento Milagros Otero como Valedora.

Otero leva dous anos e medio no cargo e ao longo deste tempo foi moi cuestionada e criticada. O último episodio, estes días, coa consideración como probado por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de que  Milagros Otero se inmiscuiu no proceso de designación como xefa do servizo de administración e persoal da institución dunha persoa coa que tiña relación e que, alén de máis, é irmá do portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy. A oposición pide a súa dimisión.

Demisión

Non é a primeira vez que se pide a dimisión de Milagros Otero como Valedora. Nin a primeira vez que ela está no albo da polémica. Como cando protagonizou una ‘batalla’ co Concello de Santiago a raíz das persoas sen teito, con acusacións públicas e apertura de expedientes. Estes foron finalmente arquivados. O alcalde compostelán, Martiño Noriega, chegou a falar de “animadversión” da Valerdora cara ao goberno local.

En abril de 2017 Seis asociación de doentes e ONGs, entre elas SOS Sanidade Pública, pedían a demisión da Valedora por entender que antepuña os “intereses” do PP aos dereitos das e dos cidadáns. “As súas resolución son sempre a favor da administración do PP, criticaba o médico Xosé Dios. A petición tiña o apoio de institucións como o Concello de Santiago ou sindicatos como a CIG.

Precisamente a CIG tamén se mostrou crítica con Milagros Otero. En maio do ano pasado a Federación de Ensino do sindicato nacionalista acusábaa de ser “a Valedora do PP” a raíz da súas resolución e actitude perante a formulación da queixa presentada sobre discriminación do galego na Lomce.

Lingua galega

En Outubro de 2017 A Mesa exixía a dimisión de Milagros Otero como Valedora polo seu “desprezo” perante a vulneración de dereitos lingüísticos. A organización acusou a Otero de “xustificar deturpacións de topónimos”, o que viña a sumar á actuación da Valedora en situación como cando a una nena de 9 anos lle restaron puntos nunha redacción por empregar o termo ‘Galiza’.

Nota a pé: Por erro afirmábase na primeira redacción do texto que José Julio Fernández demitira como Valedor a dous meses de rematar o mandato, o que non é correcto pois permaneceu no cargo até que o Parlamento designou Milagros Otero. 

Comentarios