Imprimir

Comeza a Terceira División de fútbol na Galiza con tests e xefes médicos garantidos

A. Escuredo | 14 de outubro de 2020

Reunión da Federación Galega de Fútbol cos clubs de Terceira División (FGF).
Reunión da Federación Galega de Fútbol cos clubs de Terceira División (FGF).
O fútbol galego de Terceira División comeza a tempada 2020/2021 mentres a Preferente aínda terá que agardar. Unha vez coordinada pola federación galega a actuación e as
axudas para cumprir o protocolo (tests e servizo médico) a continuidade da competición dependerá do desenvolvemento da pandemia na Galiza.

A Terceira División comezará esta mesma fin de semana a nova tempada 2020/2021, segundo anunciou a Federación Galega de Fútbol, unha vez superadas as dúbidas que tiñan moitos dos equipos que participan nela. O presidente deste organismo, Rafael Louzán, mantivo esta pasada terza feira un encontro con membros da Xunta Directiva así como delegadas e delegados da Federación para abordar algúns dos temas que máis preocupaban aos clubs, relacionados co novo formato e co protocolo sanitario aprobado polo Consello Superior de Deporte (CSD). 

A Federación galega informou que está disposta a apoiar os clubs na financiación da nova figura do xefe médico que exixe o protocolo poñendo a disposición dos 128 clubs galegos das categorías de ámbito estatal unha estrutura médica. Ademais de axudar a nivel económico, nunha contía aínda por concretar, facilitarán a súa contratación perante a dificultade de atopar profesionais nas actuais circunstancias. 

Outra das inquedanzas das entidades deportivas era poder contar con financiamento para realizar o número de tests que obriga o protocolo. Sobre este tema, Louzán comprometeuse a abrir unha liña de axudas, aínda que as competicións de ámbito estatal son competencia do CSD, Federación Española de Fútbol e Xunta da Galiza. Neste sentido, desde a Federación afirman que teñen constancia de que se mercaron 200.000 probas PCR para distribuír entre todos os equipos que teñan que desprazarse no ámbito estatal, mentres que os que compitan nas categorías de Preferente e inferiores estarán cubertos pola propia federación galega. 

Contrato para retransmitir os partidos coa CRTVG

Unha das achegas económicas máis importantes que teñen os clubs de fútbol galegos en xeral, e os de Terceira División en particular, son os ingresos polas retransmisións televisivas dos seus partidos. Na reunión mantida en Compostela entre federación e clubs tamén informou o presidente da FGF do acordo final chegado coa Corporación Radio Televisión da Galiza (CRTVG), que levará consigo un importante incremento de 20% da cantidade económica con respecto á que percibiron o ano anterior. 

Calendario aprobado para a Liga Estatal Xuvenil

A Liga Estatal Xuvenil de Fútbol da tempada 2020/2021 tamén conta cun calendario aprobado e un novo formato de competición. O seu inicio está previsto para o día 8 de novembro e nela participarán durante este curso un total de 20 equipos. Todos os representantes galegos na categoría están encadrados no Grupo 1 e, á súa vez, estarán divididos en dous subgrupos de 10 equipos cada un.

O novo formato  que terán esta tempada consta de dúas fases: unha primeira na que os 10 equipos que compoñen cada subgrupo enfrontaranse todos contra todos a dobre volta durante un total de 18 xornadas e unha segunda fase na que estará en xogo o ascenso (Grupo ascenso) e a permanencia na categoría (Grupo permanencia). A primeira xornada terá os seguintes emparellamentos: S.D. O Val-Pontevedra C.F.; E.F. Lalín-C.D. Lugo “B”; Racing Club Villalbes-R.C. Deportivo Sad “B”; Arousa S.C.-Victoria C.F.; e Atl. Coruña Montañeiros C.F.-S.D. Compostela. 

O colectivo arbitral galego en forma para a Terceira

O Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol (CTGAF) certificou esta pasada fin de semana, após realizar os controis físicos de inicio de tempada, que as e os 28 árbitros de 3ª División e 18 asistentes están en condicións de participar na competición en Terceira División. As probas nesta ocasión consistiron en seis carreiras rápidas de 40 metros e unha de resistencia, mentres que no caso das e dos árbitros asistentes consistiu na proba de carreiras rápidas de 30 metros e a proba outra de resistencia.

A estas probas de control faltaron as e os árbitros e asistentes da delegación de Ourense que non puideron asistir aos controis tras o fechamento perimetral dos municipios de Ourense e Barbadás, onde non se pode entrar nin saír se non é por motivos sanitarios, laborais ou educativos.

A Preferente comezaría o día 29 de novembro se a Xunta aproba o protocolo

A intención da Federación Galega de Fútbol, expresada nunha reunión cos clubs o pasado 7 de outubro, é que a competición en Preferente comece o vindeiro 29 de novembro, sempre coa ollada posta na evolución da pandemia, se a Xunta aproba o protocolo que se lle presentará esta mesma semana. Fontes da Federación
indican a Nós Diario que "aínda hai marxe de actuación" polo que poderían atrasar o seu inicio algunhas semanas se fose necesario.

A competición adaptarase ao escenario motivado pola Covid-19 e terá un novo formato que contaría con tres subgrupos tanto na Zona Norte como na Zona Sur. Os Grupos A e B de ambas as dúas zonas estarían formados por 8 equipos, mentres que o Grupo C tería 7 equipos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/comeza-terceira-division-futbol-galiza-tests-xefes-medicos-garantidos/20201014202211106963.html


© 2020 Nós Diario