Imprimir

“De haber unha ABAU única o galego acabaría sendo unha optativa e mesmo eliminándose”

Alberte Mera | 20 de xuño de 2019

Claudia Domínguez Renda
Claudia Domínguez Renda

As probas das ABAU de acceso á universidade viñeron rodeadas dunha polémica a prol dun exame único en todo o Estado, promovendo así a recentralización do ensino. Sermos Galiza conversa a este respecto con Claudia Domínguez, membro de Erguer Estudantes da Galiza e que vén ademais de examinarse das ABAU.

As probas das ABAU, anteriormente coñecidas como Selectividade, estiveron rodeadas dunha polémica sobre a conveniencia de que estes exames fosen idénticos en todo o Estado, aflorando de novo os discursos que avogan pola recentralización do ensino.

Sobre este debate e a conveniencia ou non duns exames como as actuais ABAU Sermos Galiza conversa con Claudia Domínguez Renda, alumna de ensino medio que vén de examinarse destas probas. Claudia é ademais membro do Consello Nacional da organización estudantil Erguer. Considera que as ABAU, así como as reválidas, son probas inxustas nas que “xogas todo o futuro en tres días”.

Esta estudante de 17 anos culminou o bacharelato de Ciencias Sociais no IES Fermín Bouza Brey en Vilagarcía e examinouse das probas de acceso á universidade na facultade de Ciencias Económicas en Santiago. É unha apaixoada de Friedrich Nietzsche  polo que xa ten decidido que estudará o grao de Filosofía na USC.

Avalíase todo un curso en función dun exame. Non se ten en conta a aprendizaxe nin a evolución do alumnado

Que valoración fai Erguer das ABAU?

Son exames inxustos porque o estudantado non accede en igualdade de oportunidades e avalíase todo un curso en función dun exame. Non se ten en conta a aprendizaxe nin a evolución do alumnado durante a etapa educativa, unicamente priman un exercicio de memorización para os tres días en que se realizan as ABAU. É todo o contrario ao que significa a avaliación continua.

Considera que debe haber unha ABAU única en todo o Estado?

Desde logo que non. Galiza ten as súas características. De haber unha proba única o galego acabaría sendo unha optativa e mesmo eliminándose.

Como valora o desenvolvemento das ABAU na Galiza e as incidencias que se produciron?

Foi todo un desastre. O sobre que contiña o exame de Lingua Galega abriuse antes de tempo en Vigo e estivemos en toda Galiza agardando 20 minutos para poder comezar. Co de Filosofía entramos a sexta feira ás 11 horas para examinarnos, e cando nos repartiron a proba unha rapaza levantou a man queixándose de que as dúas opcións tiñan contidos mesturados, cando as normas estabelecen os temas que poden caer en cada opción.

O exame aprazouse á tarde, e houbo xente que non tiña cartos para quedar a xantar ou que xa tiña o billete de tren de volta mercado e non tiña para costearse outro. Ademais, houbo centros onde o exame de Bioloxía repartiuse unicamente en castelán, e quen o solicitou en galego tivo que agardar varios minutos polo exemplar no noso idioma, mais recollérollo ao mesmo tempo que os demais que comezaran antes.

Erguer leva varios anos realizando mobilizacións contra as reválidas impostas pola Lomce e as ABAU

Que valoración fai Erguer da campaña informativa que desenvolveu contra as ABAU?

Erguer leva varios anos realizando mobilizacións contra as reválidas impostas pola Lomce e as ABAU e o modelo de aprendizaxe memorístico que promoven. Defendemos por iso unha Lei Galega de Educación que defenda os intereses do alumnado e avogue por outro modelo educativo, sen esas probas inxustas, e que valore a evolución do alumnado.

A campaña informativa que desde Erguer desenvolvimos de oposición ás ABAU tivo moi boa acollida. Eu repartín en Vilagarcía nas bibliotecas días antes das probas e a xente estaba interesada porque a maioría non entende que te esteas xogando todo o teu futuro en tres días. Xente que precisaba notas altas, de 12 puntos por exemplo, estaba moi nerviosa os días das probas, e non podes facer un exame con tantos nervios, condiciona moito.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/claudia-dominguez-haber-abau-unica-galego-acabaria-sendo-optativa-mesmo-eliminandose/20190620123145081050.html


© 2020 Nós Diario