Acordos nos concellos

Ciudadanos revírase en Ourense contra “o pacto da traizón”

O acordo polo que Partido Popular e Democracia Ourensá repartiron o concello e deputación de Ourense é para o secretario de organización de Ciudadanos na Galiza, Laureano Bermejo, “o pacto da traizón” baseado unicamente nos “egoísmos persoais” e afirma que “por nada do mundo” a súa formación entrará no goberno local .·

Laureano Bermejo
photo_camera Laureano Bermejo

O pacto alcanzado en Ourense entre Democracia Ourensá e Partido Popular, polo que Gonzalo Pérez Jácome resultou investido alcalde da cidade a cambio de garantir a continuidade de Xosé Baltar na presidencia deputación de Ourense, é “o pacto da traizón” para Ciudadanos.

Con esas palabras cualificou o acordo entre DO e PP o secretario de organización do partido alaranxado na Galiza, Laureano Bermejo, quen ao mesmo tempo tamén é concelleiro electo no consistorio da cidade das Burgas.

Para Bermejo, o pacto que fixo posíbel que a cidade de Ourense sexa gobernada por Jácome "só se basea en satisfacer egoísmos persoais"

Para Bermejo, o pacto que fixo posíbel que a cidade de Ourense sexa gobernada por Jácome cunha xunta de goberno local paritaria DO-PP (con 5 membros para cada partido) é froito dunha manobra que "só se basea en satisfacer egoísmos persoais", afirmou en referencia a o novo alcalde e máis a Xosé Baltar.

"Por nada do mundo Ciudadanos entrará no goberno da cidade", afirmou Bermejo

"Sempre pensamos que había partidos políticos fieis aos seus votantes e á súa ideoloxía pero, despois do que ocorreu, parece que con tal de obter un posto importante para ou manterse na cadeira de brazos están dispostos a pactar até co propio diaño, sen importar o benestar da cidade", manifestou Bermejo. Engadiu ademais este edil ourensán que “por nada do mundo” Ciudadanos entrará no goberno da cidade.

Con todo, o propio Bermejo afirmara en conversas con Sermos Galiza o 28 de maio (dous días após a celebración das eleccións municipais do 26M que deixaron Baltar sen maioría absoluta na Deputación de Ourense) que Ciudadanos ficaba aberto a todo, incluído a investir Baltar coma presidente de chegar a un acordo. Tan só uns días despois Bermejo comunicou que apoiarían o PP na Deputación sempre que propuxeran outro candidato distinto a Baltar para a presidencia da mesma.

O concelleiro de Ciudadanos realizou estas declaracións esta cuarta feira 19 de xuño á saída dos xulgados após facer entrega da documentación e avais para propor á edil Montserrat Lama como Deputada provincial.

  

Montserrat Lama foi deputada provincial co PP e agora continuará no cargo con Ciudadanos

 Montserrat Lama encabezou a candidatura de Ciudadanos á alcaldía de Xinzo de Limia, após deixar hai uns meses o Partido Popular, formación coa que xa fora concelleira desde o ano 2011 e deputada provincial desde o 2015.

Como “un matrimonio en crise” describiu Lama a formación de Alberto Núñez Feixoo cando abandonou a súa militancia no PP

Como “un matrimonio en crise” describiu Lama a formación de Alberto Núñez Feixoo cando abandonou a súa militancia no PP. Iso si, continuará agora coa acta que tiña como deputada provincial mais desta volta baixo as siglas do partido laranxa.  

Bermejo afirmou que Lama desenvolverá un papel moi importante como oposición “firme e clara, defendendo os ideais e as posturas que a formación levou sempre por bandeira”.

Comentarios