Liorta na deputación de Ourense

Baltar revírase ao veto de Ciudadanos

A Deputación de Ourense é un auténtico fervedoiro e a liorta prosegue cun Baltar que rexeita o “veto” que Ciudadanos lle impuxo para pactar co PP. O presidente en funcións do ente provincial botou en cara ao partido laranxa que tal esixencia non corresponde cunha formación que unicamente conta “con nove edís na provincia” e convidounos a escoller entre pactar con el ou co nacionalismo.

Baltar, Vázquez e Feixoo
photo_camera Baltar, Vázquez e Feixoo nunha xuntanza

Os vaivéns continúan na Deputación de Ourense. A conformación do goberno provincial semellaba resolta unha vez que Laureano Bermejo, responsábel de organización en Galiza de Ciudadanos, moveu ficha e propuxo apoiar o PP sempre que o actual presidente en funcións do ente provincial, Manuel Baltar, non fose o candidato á reelección.

"Hai un candidato coñecido a presidir a deputación, que son eu, mais non sabemos quen son os candidatos das outras organizacións políticas", argumentou Baltar

Mais poucas horas após transcender a oferta do partido laranxa, Manuel Baltar denunciou o veto de Ciudadanos, a quen lembrou que o PP é o "grupo maioritario", con 12 deputadas e deputados provinciais, a tan só 1 acta para alcanzar a maioría absoluta, e que o partido laranxa só conta cun representante na deputación “e nove edís en toda a provincia”.

"Hai un candidato coñecido a presidir a deputación, que son eu, mais non sabemos quen son os candidatos das outras organizacións políticas", argumentou Baltar, quen definiu o seu goberno como exemplo de “xestión, futuro e programa”.

Laureno Bermejo informou do acordo unánime da súa formación para dar o apoio ao PP se renunciaban a Baltar

Esta sexta feira pola mañá o concelleiro ourensán e responsábel de organización galego de Ciudadanos, Laureno Bermejo, informou do acordo unánime da súa formación para dar o apoio ao PP se renunciaban a Baltar, e afirmou que o seu partido “sempre dixo que o socio preferente era o PP", e matizou que “isto non implica que non se poidan alcanzar pactos puntuais con outros partidos" de non chegar a acordos coa formación de Pablo Casado.

Os resultados do pasado 26 de maio depararon na deputación 12 escanos para o PP, 9 para o PSdeG, 2 para Democracia Ourensá, 1 para o BNG e outro para Ciudadanos. Manuel Baltar ficou así a un escano da maioría absoluta, o que o obriga a tentar un acordo con Ciudadanos para a dereita manter o control da institución.

Gonzalo Caballero rexeita a oferta de Feixoo

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, solicitou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a apartar a Manuel Baltar da Deputación de Ourense, e animou ao resto de formacións a alcanzar un “pacto pola rexeneración”.

Desta maneira, Caballero rexeita a oferta de intercambio de cromos realizada por Feixoo en que ofrecía o PP para facilitar o goberno do concello de Ourense ao PSdeG se este permitía a Manuel Baltar continuar na presidencia da deputación.

"Recoñézolle ao presidente da Xunta que entenda que na cidade de Ourense houbo unha maioría que apostou polo Partido Socialista e que o PP picou nestas eleccións municipais, por certo, a única cidade na que gobernou durante o últimos catro anos", afirmou o líder do PSdeG.

Estas declaracións realizounas Gonzalo Caballero desde Ferrol, no transcurso dun acto político que partillou co líder do PSdeG nesta cidade, Ángel Mato. Anunciouse que este iniciará nos próximos días as negociacións con Ferrol en Común e BNG para tratar de conformar un goberno municipal baixo a súa alcaldía.

Comentarios