As chaves do xuízo pola propiedade do pazo de Meirás

A segunda feira da próxima semana comeza o xuízo que determinará se o pazo de Meirás continúa en propiedade da familia Franco ou pasa, pola contra, a formar parte do patrimonio público. A nulidade da compravenda ou o seu uso como edificio de Estado son algúns dos argumentos sobre os que se ergue a demanda, que a partir do 10 de xullo quedará listo para senteza. O proceso afróntase como unha oportunidade para restaurar un dos múltiples abusos do franquismo vivos nos nosos días. 
EuropaPress_1354019_En_Marea_insta_al_PP_a_que_se_ponga_del_lado_de_los_demócratas_y_apoye_la_cesión_pública_del_Pazo_de_Meirás
photo_camera Pazo de Meirás [EP].

O próximo 6 de xullo dará comezo o xuízo que aclarará se a titularidade do Pazo de Meirás corresponde á familia Franco, logo que de que a vista previa realizada o 31 de xaneiro de 2020 no xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña non se alcanzase, como era previsível, un acordo.

"O inicios deste proceso atópanse na sociedade", afirma Carlos Babío, investigador e autor, xunto a Manuel Pérez, de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio (Fundación Sempre en Galiza, 2017). Desde a morte do ditador, a cidadanía reclamou a restauración da memoria co gallo de reparar "un roubo cargado de abusos e extorsións", explica Babío. Mais nos últimos anos esta demanda cobrou corpo co apoio insitucional da Deputación da Coruña, que formou en 2017 a Xunta pro devolución do pazo, asumindo a nomenclatura en oposición á Xunta pro pazo constituída en 1937 co propósito de entregar o inmoble a Franco.

Ccarlos Babío identifica o pazo como "unha das faces dos abusos do franquismo"

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da entidade naquel momento, conta que a motivación para pór en marcha o proceso xurdiu con urxencia cando a Fundación Nacional Francisco Franco emprendía as visitas guiadas do complexo obrigadas ao ser declarado Ben de Interese Cultural, exaltando a grandeza do ditador. Así, constituíuse a Xunta o 9 de agosto de 2017, con organismos como a Universidade da Coruña, a Iniciativa Galega da Memoria e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. A petición de respaldo aos concellos sobrepasou todas as súas expectativas. Encamiñado nun primeiro momento á demarcación da Coruña -a que entregara o pazo a Franco- axiña se sumaron desde todo o Estado.

Compra fraudulenta

Segundo recoñece Babío, a intervención da Administración permitiu "dar unha estratexia concreta". A partir dese momento desenvolveuse un proceso de investigación que concluíu coa redacción de dous informes, un histórico, encabezado polo historiador da Universidade de Santiago Emilio Grandío, e outro xudicial, da man de Xabier Ferreiro, doutor en Dereito e tamén docente titular da USC. Os textos concluían a nulidade da compra por parte de Franco, ao existir dúas transaccións, a segunda delas de carácter "fraudulento".

Situada no concello de Sada, a que fora residencia de Pardo Bazán chegou a mans de Franco como un agasallo en 1938, adquirida pola Xunta pro Pazo do Caudillo por 406.346 pesetas, empregada como residencia de verán. Porén, após a aprobación da lei de patrimonio en 1940, en 1941 dáse unha segunda compravenda, a través de Barrié de la Maza en nome de Franco, pola que se adquire o edificio por 85.000 pesetas, segundo argumentan as persoas expertas para que o ditador inscribir o pazo ao seu n su nome no Rexistro da Propiedade. Os avogados da familia argumentan que só hai unha escritura válida, pois a venda de 1938 non se podería realizar porque a vendedora aínda non fora declarada legalmente herdeira.

A que fora residencia de Pardo Bazán chegou a mans de Franco como un agasallo en 1938

No informe de Ferreiro tamén se suxería que a mellor maneira de proceder para devolver ao patrimonio público o pazo era unha demanda civil que debía encabezar o Estado. "Nun principio dixeron que non se ían meter", explica Sanmartín, mais finalmente o Goberno estatal presentou en 2019 unha demanda contra a familia Franco nos xulgados da Coruña para reclamar a devolución das instalacións.

O informe do parlamento

O Parlamento galego tamén crearía en 2017 unha comisión de persoas expertas, presidida polo catedrático da USC e especialista en Historia Contemporánea Xosé Manoel Núñez Núñez Seixas, para estudar a reincorporación do pazo ao patrimonio público. As conclusións dos técnicos responsábeis deste estudo apuntaban desta volta ao argumento da "forza de uso" como un edificio de Estado. Co tecnicismo de "demanialización" refiren un edificio de titularidade privada que se mantiña con fondos públicos e que fora entregado a Franco en calidade de xefe de Estado, polo que pertencería ao ben público, algo que a familia procura evitar regularizarando un segundo contrato de compra.

En calquera caso, estas circunstancias hai que entendelas, desde a perspectiva do historiador, nun "contexto de ditadura que, con Franco como fonte da lei en si mesma, non é favorábel para facer algo en contra do que pide ou solicite a familia", matiza Grandío.

A demanda do Estado

Cando o Estado toma a decisión de iniciar o procedemento de demanda nútrese de toda a documentación compilada até o momento, así como dalgunha nova achega. En xullo de 2019 faise unha reclamación á familia Franco. Na vista previa de xaneiro de 2020, ao non alcanzar o acordo, queda para o xuízo que dará comezo a vindeira semana.

Reparación simbólica

Babío identifica o pazo como "unha das faces dos abusos do franquismo" e sinala a "impunidade que representa que siga en poder da familia Franco". Sanmartín, pola súa banda, apunta que a devolución ao patrimonio común sería un exercicio de xustiza coas vítimas, unha reparación necesaria. "Por fin pode haber esa transición frustrada", declara a política, ante o mantemento "de privilexios en vigor logo da chegada da democracia, que en ningún Estado europeo manteñen os verdugos". O camiño que se ten andado é para ela unha vitoria do movemento social, posíbel na conxuntura de apoio institucional e dunha investigación rigorosa e potente.

O camiño que se ten andado é para goretti sanmartín unha vitoria do movemento social

Sanmartín sinala tamén a prioridade da Deputación en "explicar publicamente" o acontecido coa propiedade. Por iso, considera que a publicación do libro de Babío e Pérez foi realmente o que marcou "un antes e un despois" en toda a problemática. Destaca, así mesmo, a dimensión internacional de reivindicacións como a dos 19 de Meirás, que logo de despregaren o 30 de agosto do 2017 dúas faixas na fachada do pazo, nunha acción de carácter simbólico para reactivar o debate social e político sobre a necesidade de facer xustiza, foron denunciados pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador, por presuntos delitos de odio, danos, vulneración de morada, e contra o honor.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios