O culebrón Meirás continúa: é a Fundación Franco quen xestiona as visitas

A Fundación Francisco Franco leva dous meses xestionando as visitas ao Pazo de Meirás, segundo denunciou a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña logo de que a propia Carmen Franco o contara nunha entrevista á prensa. 

Meiras
photo_camera Pazo de Meirás

Trátase dun episodio máis do culebrón que comezou en 2007 cando o bipartito importunou por primeira vez a plácida vida dos Franco en Meirás. A Consellaría de Cultura daquel entón quixo facer unha inspección previa ao Pazo para logo decidir a partir dos informes dos técnicos se era merecente de ser declarado Ben de Interese Cultural. Pero aquela visita non foi posible até que un ano máis tarde o TSXG obrigou os Franco a abrir a casa para ser avaliada. 

A finais de 2008 o Pazo de Meiras, que fora residencia de Emilia Pardo Bazán, era declarado BIC, o que obrigaba á familia propietaria a abrilo ao público catro días ao mes. Desde entón, os Franco non fixeron máis que dificultar o acceso ao Pazo. A presión do Concello de Sada sobre a Consellaría de Cultura, xa en mans dos conservadores, fixo os seus efectos sempre que non se cumprían as condicións, abríndolle varios expedientes informativos. 

A solución final dos Franco foi traspasarlle a xestión á Fundación que leva o nome do dictador. Agora quen desexe visitar o Pazo ha de enviar un mail ao enderezo [email protected] ou chamar a un móbil (686 612 717), que confirma efectivamente que quen está ao outro lado do teléfono pertence á Fundación Franco. 

Tal noticia deixa sen posibilidade de movemento legal tanto ao Concello de Sada -xa ten reclamado instrumentos legais para recuperar o pazo sen ter que indemnizar a familia- ou ás asociacións pola memoria histórica, e mesmo á Xunta de Galicia, dado que é unha propiedade privada. 

Recuperar a Pardo Bazán

O presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, Fernando Souto, defende que sexa o Concello de Sada quen xestione as visitas, "por ser a administración máis próxima" e que se recupere "a figura de dona Emilia Pardo Bazán, que é o importante do pazo, hai que recuperalo como un espazo de creación literaria". 

Hai que lembrar que o Pazo foi construído pola escritora Emilia Pardo Bazán a finais do XIX e en 1938 foi ofrecido polas autoridades franquistas coruñesas a Franco como residencia de verán, a través de expropiacións forzosas de terreos, desvío de impostos, doazóns obrigadas, etc. 

Souto recoñece que non hai posibilidade legal de evitar que a Fundación Francisco Franco xestione esas visitas, "porque o franquismo, o fascismo e as ditaduras en España son legais". "O franquismo está vixente: tres de cada catro normas do estado español son de orixe franquista", apunta. 

E asume que a única oposición posible a este feito é a presión social: "A única oportunidade de que non se convirta nun monumento a maior gloria de Franco é... a mobilización, a opinión pública, e nese traballo estamos. Debemos de facer un frente común e recuperar ese espazo que foi. O pazo debe ser entregado a quen o pagou". Verbo das posibilidades de conseguilo, Souto amósase pesimista: "Quen ten a posibilidade de recuperar o pazo é a xente nova. Debería ser un lugar de esperanza e de ilusión para as novas xeracións".

"Este non é un tema local, non é un tema baladí. Estamos falando de lugares da memoria e non dun espazo para uso e disfrute dos herdeiros dun dictador. Esta é a punta dun iceberg, do roubo masivo por parte dun grupo de familias. Estamos falando dos grandes poderes reais do estado, o franquismo segue latente no estado, é o caso recente de Villar Mir, que segue conservando as concesións públicas de saltos da augas, de Ferroatlántica..." 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios