Censura de Beijing co visto bo da UE

A embaixada comunitaria no país asiático recoñeceu que acepta a modificación dunha tribuna publicada no China Daily.
nicolas_chapuis
photo_camera O embaixador comunitario na China, Nicolas Chapuis (@NChapuis)

A delegación da UE na China admitiu onte que aceptou a censurase de Beijing dunha parte da tribuna de prensa conxunta do embaixador comunitario e dos 27 da Unión Europea, publicada no medio oficial China Daily, para omitir comentarios sobre a orixe do coronavirus.

"A delegación da UE foi informada de que a publicación sería só aceptada polo Ministerio chinés de Asuntos Exteriores coa condición de que parte dunha frase relativa ás orixes e á expansión do coronavirus fose eliminada", explicou o embaixador comunitario, Nicolas Chapuis, nun comunicado.

Con todo, o embaixador europeo xustificou que, malia a censura dunha parte do texto, foron lanzadas mensaxes importantes ao público chinés. Segundo a súa versión, a UE mostrou a Beijing a súa contrariedade polo asunto, mais finalmente decidiu dar luz verde á publicación con motivo do 45º aniversario do estabelecemento de relacións diplomáticas entre a China e a UE ao entender que se abordaban asuntos "chave".

Aínda sendo obxecto de censura, a tribuna de prensa trataba temas como o cambio climático e a sustentabilidade, Dereitos Humanos, a importancia do multilateralismo, a Cimeira para a Resposta Global fronte ao coronavirus, a asistencia macroeconómica e o asunto do alivio da débeda para países en dificultades, argumentou a nota.

A UE lamenta, porén, que a relación é suficientemente madura coa China como para poder dar lugar a discusións claras sobre estes temas, malia ás diferenzas existentes en Dereitos Humanos. "Por iso fai este incidente máis desafortunado", considerou Chapuis.

No medio da polémica xerada por este episodio, que levantou as críticas das capitais europeas, o diplomático francés critica que non vise a luz o texto orixinal no medio oficial chinés e explica que a delegación da UE en Beijing reaccionou e, paralelamente, decidiu publicar o artigo sen censurar na súa páxina web, así como nos medios sociais da UE e dos 27 Estados membros.

Comentarios