Caballero acepta o plan de Facenda para non pagar o IVE

O Ministerio de Facenda español amplía a regra de gasto dos concellos
Reunión da Comisión Nacional da Administración Local (Imaxe: Eruopa Press)
photo_camera Reunión da Comisión Nacional da Administración Local (Imaxe: Eruopa Press)

O Ministerio de Facenda do Estado español négase a devolver o IVE adebedado ás Administracións autonómicas correspondente ao ano 2017, aludindo a que isto só se podería ter feito durante 2019. Como as entidades locais tampouco o cobrarán, onte debateuse a ampliación da regra de gasto dos concellos como medida compensatoria polo impago do IVE. É a mesma medida que se formulou a pasada sexta feira, 7 de febreiro, para as autonomías. 

No día de onte, o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o alcalde de Vigo Abel Caballero, aceptou esa ampliación da regra de gasto aos concellos proposta pola ministra de Facenda, María Jesús Montero, e pediu que se estuden outras medidas complementarias.
Desta maneira aprobouse na Comisión Nacional de Administración Local ampliar de 2,8 a 2,9 a regra de gasto que se aplica aos municipios, co que poderán gastar esa décima máis este ano. Ademais, autorízaselles a ter unha débeda de 1,9% do PIB.

Abel Caballero, explicou que as entidades locais agradecen esa ampliación da marxe de gasto e asegurou que a débeda estabelecida é a que tiveron xa no exercicio 2019, polo que son obxectivos realizábeis.

A FEMP calculou inicialmente a débeda total de IVE coas entidades locais nuns 750 millóns de euros, mais onte non se falou de cifras e o Ministerio de Facenda asegurou que aínda as ten que especificar.

Caballero explicou que tamén expuxo a Facenda outras medidas compensatorias ademais desa ampliación da regra de gasto. Así, apresentou como propostas a creación dunha conta no Banco de España para os depósitos das entidades locais, libre de intereses, de maneira que eviten ese custo. 

"Temos 26.000 millóns de remanente e os bancos empezan a cobrar polos depósitos. Non os podemos gastar e vainos custar diñeiro", apuntou Abel Caballero.

Comentarios