Amplíase até abril a recollida de apoios á iniciativa para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego

A Mesa anuncia que o Parlamento aumentou até o 2 de abril o prazo para as persoas interesadas poidan asinar os pregos oficiais en estabelecementos de toda Galiza.
Xabarín Club (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xabarín Club (Foto: Nós Diario).

A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia a ampliación até  2 de abril da recollida de sinaturas para a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza para instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle "Xabarín", con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos.

As persoas interesadas en amosar o seu apoio, poden asinar os pregos oficiais en ducias de estabelecementos de toda Galiza.

A proposta insta o Goberno de Feixoo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e a TVE a emitir con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App. O Goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP - TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minorizadas.

A Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular é un dos mecanismos contemplados na lexislación galega para a participación popular no impulso da acción de goberno para o que é preciso reunir un mínimo de sinaturas que serán debidamente certificados pola Xunta electoral. É, por tanto, un proceso máis complexo que a recollida de sinaturas que acadou no seu momento 15.000 apoios na web, mais tamén con maiores garantías de trámite parlamentar sempre que se reuniren o mínimo de 2.500 sinaturas fixado pola lei.

A Mesa considera alarmante o retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva: só a CRTVG garante a súa presenza na grella televisiva, mais faino de forma cativa e mínima, malia o estabelecido na lexislación autonómica sobre o audiovisual e malia as enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar significativamente as emisións en galego. 

Comentarios