A Comunidade de Madrid reabriu as súas fronteiras após a festividade do Día da Almudena, celebrado na segunda feira 9 de novembro, e a Xunta da Galiza xunto a Estremadura e a propia Madrid son as únicas comunidades peninsulares que teñen os seus lindes abertos.
Así pois, unha cidadá madrileña que non estea confinada pode atravesar Castela e León -sen parar, xa que esta comunidade si está fechada- e visitar e facer vida social en até 253 concellos galegos dos 313 que ten o país -60 si están fechados pola Xunta-.
Así, unha persoa de Vigo -municipio con fechamento- non pode ir a Baiona, pero si un visitante de Madrid.
Para o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, esta situación non ten nada de raro.
"Quen veña ten que actuar como os galegos. A nosa situación epidemiolóxica permítenos ese ofrecemento.
Estamos a darlles o mesmo trato que aos galegos", dixo o presidente esta quinta feira, 12 de novembro, ao rematar a reunión do Consello da Xunta, ao ser preguntado polos medios por esta estraña situación en tempos de pandemia e restricións.