Madrid levanta o fechamento perimetral coa fin da ponte

Catalunya ten previsto prorrogar 15 días máis a prohibición de traballar á hostalaría e en Andalucía a actividade non esencial finaliza ás 18 horas e fica desde mañá prohibido saír e entrar de calquera dos seus concellos. Logo está Madrid, que ao pasar o seu feriado levanta o fechamento perimetral e a Galiza, que segue sen blindar as súas fronteiras. 
O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida na misa polo Día da Almudena. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida na misa polo Día da Almudena. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Hoxe foi de novo feriado na capital do Estado español, o Día da Almudena, e non fallou a tradicional ofrenda á virxe. Nela, o alcalde José Luis Martínez-Almeida pediu forza á Almudena para as e os madrileños e que "alumee" os científicos e protexa o persoal sanitario da "nova peste". Porén, en canto a festividade chegou á súa fin levantouse o fechamento perimetral da Comunidade de Madrid.

Até ás 00 horas de hoxe, só Galiza e Estremadura ficaban sen pór o cerre ao redor do seu territorio (alén das illas Canarias e Balears, por razóns xeográficas obvias). Agora tamén se suma a rexión gobernada por Isabel Díaz Ayuso.

Pola contra, esta segunda feira mesmo varias comunidades anunciaban restricións máis duras para tentar evitar o colapso hospitalario, nunha xornada en que baixaron os contaxios no Estado pero aumentou a presión hospitalaria, especialmente nas unidades UCI.

De feito, na Rioxa ou Aragón a ocupación en UCI supera 55%, mentres que por riba de 40% están en Melilla, Castela e León, Catalunya, Ceuta e Nafarroa. Andalucía computou o seu récord en ingresos por coronavirus. Alí, desde mañá, ficarán todos os concellos en confinamento perimetral e prorrógase o fechamento da comunidade. Aliás, a partir das 18 horas fican suspendidas todas as actividades non esenciais.

O conselleiro de Sanidade andaluz, Jesús Aguirre, confirmou nunha entrevista radiofónica que o Goberno de Andalucía unta pediu ao Ministerio adiantar o recoller obrigatorio para antes das 22 horas, tendo en conta que a partir das 18 xa non haberá actividade non esencial, mais o conselleiro sinalou que a resposta do Executivo español "foi negativa". 

Tamén se amplían os fechamentos noutros territorios, como en Ceuta, onde o seu Goberno prohibiu onte as viaxes á península. 

En Catalunya, a Generalitat tamén advertiu que na sexta feira, con gran probabilidade, prorrogará o fechamento da hostalaría durante 15 días máis.

Comentarios