A Xunta espera que en xullo poida reabrir o lecer nocturno "se todo vai mellorando"

O vicepresidente primeiro da Xunta reprochou ao Goberno estatal que, cando o 9 de maio decaia o estado de alarma, as comunidades non vaian ter "cobertura xurídica" para xestionar a pandemia.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha entrevista na Cadea Ser (Europa Press).
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha entrevista na Cadea Ser (Europa Press).

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, situou desta volta en xullo "o horizonte" que manexa o Goberno galego para reabrir o lecer nocturno "se todo vai mellorando" no que respecta á situación epidemiolóxica da Galiza. 

Durante unha entrevista concedida este domingo á Cadea Ser, recollida por Europa Press, Rueda mostrouse optimista sobre a futura reactivación do sector: "Se todo vai mellorando, que mellor que acabar unha noite de verán podendo tomar unha copa".

Non obstante, a Xunta aínda non deseñou unha proba piloto, que ten previsto realizar en maio "ou como moi tarde en xuño" en varios locais que sexan "representativos" do lecer nocturno na Galiza.

Iso si, advertiu que esta reactivación "non será en condicións normais", senón que haberá "uns requisitos". 

O impacto da Covid-19 no lecer nocturno

Co recoller obrigatorio, estes negocios levan fechados algo máis dun ano (agás excepcións), coas consecuentes perdas económicas. O sector do lecer nocturno galego cuantifica en máis de 300 millóns de euros as perdas que acumula polos feches derivados da Covid-19 e que, segundo destacan, levan aparellada a perda duns 200 estabelecementos en todo o país.

A Xunta falou dunha liña de axudas de catro millóns de euros para intentar rescatar polo menos unha parte desta tipoloxía de estabelecementos da hostalaría.

"Cobertura xurídica" a partir do 9 de maio

En calquera caso, o vicepresidente primeiro da Xunta reprochou ao Goberno estatal que, cando o 9 de maio decaia o estado de alarma, as comunidades non vaian ter "cobertura xurídica" para xestionar a pandemia.

A partir desa data, as administracións autonómicas terán que acudir aos tribunais para "tomar cada decisión" que afecte a dereitos fundamentais.

Tras meses nos que a Xunta se mostrou contraria ao estado de alarma como instrumento para combater a Covid-19, Rueda afea agora que non haxa unha alternativa legal: "O Goberno estatal tivo un ano para facer unha lei que moitas comunidades estamos a pedirlle para xestionar a pandemia".

Lei de saúde da Galiza

Neste sentido, defendeu a polémica reforma da Lei de saúde da Galiza, coa que o Executivo galego "só quería ter esa cobertura xurídica", fronte ao recurso de inconstitucionalidade exposta polo Estado.

Así, o vicepresidente chama a lograr a un acordo "canto antes" no marco da comisión bilateral co Goberno estatal, ao que tamén afeou que "por primeira vez" non abrise o diálogo antes da presentación do recurso.

Comentarios