Rueda adía a posíbel apertura do ocio nocturno até "finais de xuño"

O vicepresidente primeiro da Xunta mantivo un encontro de traballo con representantes deste sector. Na reunión -na que tamén participou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña- púxose sobre a mesa unha proposta de mínimos para facer a proba piloto que avalíe se é viábel a reapertura destes estabelecementos na Galiza.
Reunión con representantes do sector do ocio nocturno. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Reunión con representantes do sector do ocio nocturno. (Foto: Xunta da Galiza)

Após meses de fechamento e incertezas, o sector do ocio nocturno parece avanzar cara unha posíbel recuperación da actividade. O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, falou hoxe dunha hipotética desescalada cara “finais de xuño” se a situación epidemiolóxica o permite.

Malia que hai semanas a previsión era abrir en maio se as probas saían ben, na reunión mantida hoxe entre representantes da Xunta e das e dos empresarios a Administración aludiu a que o traballo se retomaría “a finais de xuño”.

Aínda que as datas que fornece a Xunta da Galiza seguen atrasándose, cando menos xa se fala de que condicións serían precisas para que discotecas e pubs de todo o país poidan volver a traballar nun futuro próximo.

Polo de agora, o que puntualizaron tanto Rueda coma o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, é que haberá que facer as probas piloto previas a unha desescalada nestes negocios, que levan fechados desde o verán pasado (e apenas tiveron tempo de operar).

Medidas especiais e permiso "reversíbel"

Para iso propuxeron un programa de actuación que inclúa a máscara como complemento obrigatorio, capacidades moi reducidas no interior dos locais e instalación de sistemas de medición de CO2 (ao igual que nos restaurantes) para garantir a ventilación e reducir ao máximo o risco de contaxios.

Haberá que agardar á valoración do sector, se ben tamén se advertiu de que aínda que se permita abrir no verán este cambio de condicións será “gradual” e “reversíbel”, de maneira que se adaptará á evolución da pandemia en cada localidade.

Mentres non hai solución, a Xunta falou dunha liña de axudas de catro millóns de euros para intentar rescatar polo menos a unha parte desta tipoloxía de estabelecementos da hostalaría.

Comentarios