O Goberno español non prevé prorrogar o estado de alarma

O 10 de maio non estará en vigor o estado de alarma segundo a previsión do Goberno, do outro lado algúns territorios transmiten dúbidas sobre o control da pandemia desde ese día.
A voceira do Goberno, María Jesús Montero, nun acto onte. (Foto: Eduardo Parra)
photo_camera A voceira do Goberno do Estado, María Jesús Montero, nun acto onte. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A menos dun mes para o final do estado de alarma os territorios do Estado piden garantías para poder tomar as decisión necesarias contra a Covid-19 mentres o Goberno advirte que só vai valorar as peticións dos expertos, non porque os territorios “presionen ou non” resolveu María Jesús Montero, voceira do Goberno.

O primeiro en expresar a súa preocupación foi o lehendakari Íñigo Urkullu, que pediu a Pedro Sánchez desde Radio Euskadi prolongar o estado de alarma máis aló do 9 de maio polos problemas xurídicos para manter as restricións e a relaxación cidadá que pode xerar.

Unha vez sen efecto as normas derivadas do estado de alarma e até que “non se aprobe no Parlamento Vasco unha lei [contra a pandemia] que nos de determinadas garantías para a aplicación e cumprimento das medidas adoptadas polas administracións, imos ir a un tempo moi delicado” advertiu Urkullu.

Nun acto no inicio dunha construción de vivenda oficial en Palma, Francina Armengol, presidenta das Illes Balears, sinalou que o toque de recoller é unha das medidas máis efectivas para controlar a pandemia, polo que solicitou que se permita aos territorios aplicalo unha vez que remate o estado de alarma.

Montero, ministra de Facenda e voceira do Goberno, quixo atallar a cuestión asegurando que a previsión do Executivo é non prorrogar o estado de alarma, e que se debateran facelo, sería só por recomendación do expertos.

Tamén reiterou que xa “existe unha lexislación ordinaria dabondo” para que as autonomías xestionen a pandemia desde o 10 de maio, que lles permite decretar  a “suspensión local moi limitada de dereitos fundamentais nalgúns espazos, sempre e cando sexa validado polos tribunais” sentenciou a ministra.

Con respecto a esa cuestión, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicas fixo público un documento pedindo claridade ao Goberno do Estado, e no que considera preciso “consensuar unha nova Lei Orgánica, ou ben admitir que outro Estado de Alarme se terá que decidir no Parlamento se as circunstancias epidemiolóxicas así o exixen”.

Implicacions

Na rolda de prensa na que anunciou o final do estado de alarma, Pedro Sánchez transmitiu que o Consello Interterritorial de Saúde tomaría desde ese intre as decisións.

A fin desta normativa especial limita a posibilidade de manter determinadas restricións coas que convive a poboación desde finais de outubro de 2020, como o toque de recoller. Esta medida non se poderá manter coa lexislación actual unha vez remate o estado de alarma.

No que atinxe as medidas de restrición de mobilidade como peches de territorios, comarcas ou concellos, desde o Goberno non se aclarou até que punto os territorios poderán aplicalo, mais o que si fica claro e que de aplicarse calquera destas medidas deberá contar con aprobación xudicial.

Comentarios