A causa viuse na sección quinta da Audiencia de Vigo

O xuízo polo saqueo e a quebra de Empresas Álvarez que chega dúas décadas tarde

Tres días de xuízo para resolver unha loita de décadas. O persoal das fábricas do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) en Vigo conseguiu levar o banco dos acusados os responsábeis do encerramento da histórica compañía, unha denuncia que desde 1996 estaba pendente por resolver. A acusación particular, formada por un grupo de antigos traballadores e traballadoras, denuncia delitos de apropiación indebida, estafa e alzamento de bens durante os anos posteriores á quebra. O caso quedou visto para sentenza esta cuarta feira após tres xornadas xudiciais na sección quinta da Audiencia de Vigo.

Antiga fábrica de GEA en Vigo (Foto: Xunta)
photo_camera Antiga fábrica de GEA en Vigo (Foto: Xunta)

A Fiscalía considera os catro acusados como autores de alzamento de bens, mais asume que o delito está hoxe prescrito. Para os antigos traballadores, que seguen a reclamar ademais o pagamento de centos de miles de euros en salarios, a orixe do conflito foi previa á declarada bancarrota. Creada nos anos 40 por Manuel Álvarez, un ourensán retornado de Cuba, converteuse nun dos principais fabricantes e exportadores de porcelana e cerámica de Europa. Acumulou, porén, débedas e descapitalizacións que remataron coa entrada de capital público na empresa, a través do Instituto Nacional de Industria (INI).  

É nos anos 90 cando comeza a se albiscar o principio do fin. A 4 de outubro do 1991, o INI vende as súas accións na Empresas Álvarez, nun contexto de re-privatizacións, que compran as sociedades Pickman S.A. e Estudesa. Na década seguinte cambiaría de titularidade en tres ocasións, cunha débeda acumulada xa insalvábel, con atrasos millonarios con Facenda, a Seguridade Social, provedores e do persoal. 

En 2001, declara definitivamente a suspensión de pagamentos, deixando na rúa centos de persoas en Vigo. As mobilizacións multitudinarias na cidade para salvar a empresa, afundida por continuas xestións neglixentes, non conseguiron frear a súa desaparición. As naves de GEA situadas nos barrios de Cabral, Coruxo e Ponte Sampaio fican desde entón abandonadas.


Comparativa da nave de GEA en Coruxo

Beneficio patrimonial das débedas

A Fiscalía do caso sinala que os acusados trazaron unha estratexia para obter “beneficio ilícito mediante a transferencia de patrimonio” entre as súas empresas, malia a delicada situación financeira pola que atravesaba xa o Grupo Álvarez e en prexuízo dos numerosos acredores da compañía ubicada en Vigo. No ano 1993, fundaron Vidrios Automáticos do Noroeste (Vanosa), cuxo capital estaba vinculado aos terreos das fábricas.

O día seguinte, solicitaron un préstamo co Banco Exterior de España, por valor de 450 millóns de pesetas a favor de Estudesa, tendo as propiedades de Vanosa como garantía. Estudesa impagou o préstamo e a entidade executou os terreos para saldar as débedas. O valor patrimonial de Vanosa era tres veces o importe do embargo. O pacto entre os acusados eximía de responsabilidades as súas sociedades, caendo finalmente sobre o patrimonio de Empresas Álvarez.

“Seis meses sen cobrar”

“Empezamos por non cobrar o mes enteiro, ao mes seguinte dábanmos unha parte, ao outro non pagaban nada... Chegamos a estar seis meses seguidos sen recibir o salario e durante nove anos non cobramos as pagas extraordinarias", relataba á CIG (que lidera esta loita do persoal afectado) unha ex empregada de GEA. Manifestacións, folgas, encerramentos no Concello, protestos diante da Xunta e das institucións en Madrid, unha loita que segue hoxe para recuperar os cartos das nóminas e indemnizacións non pagas durante a quebra.

Esta débeda, que abeira os dous millóns de euros, recae neste momento sobre a inmobiliaria Subel, propiedade do empresario Luis Fernández Somoza, que comprou os terrenos de Cabral e Coruxo no ano 2006 coa obriga de abonar as débedas co persoal. "A Somoza interésalle seguir dilatando este conflito xa que mentres non se resolva, os cartos permanecen na súa man. Inversiones Subel e Somoza son o capital e son quen teñen os cartos, pero nós temos dignidade e por iso volveremos á rúa todas cantas veces sexa necesario", aseguraba a principios deste ano o secretario comarcal da CIG Pontevedra, Marcos Conde.

Comentarios