martes 11/05/21
Por primeira vez no Estado

O TSXG anular un despedimento tras un accidente laboral aplicando por primeira vez no Estado a discriminación por aparencia de discapacidade

Os maxistrados consideran acreditado que un empresario de Ourense vulnerou a prohibición de discriminar por aparencia de discapacidade ao despedir un empregado o mesmo día que sufriu un accidente laboral, tras visitalo no hospital e comprobar que, aparentemente, as súas lesións non curarían a curto prazo

Sede do TSXG na Coruña (Foto: Xoán Roberes)
Sede do TSXG na Coruña (Foto: Xoán Roberes)

A sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) emitiu unha sentenza na cal aplica, por primeira vez no Estado, a discriminación por aparencia de discapacidade para anular un despedimento e condenar unha empresa á inmediata readmisión dun traballador, co aboamento dos salarios deixados de percibir.

Os maxistrados consideran acreditado que un empresario de Ourense vulnerou a prohibición de discriminar por aparencia de discapacidade ao despedir un empregado o mesmo día que sufriu un accidente laboral, tras visitalo no hospital e comprobar que, aparentemente, as súas lesións non se curarían a curto prazo.

O traballador, que conducía unha furgoneta de repartición, foi atropelado ao cruzar un paso de peóns o 20 de xullo de 2020. Debido ao accidente, foi trasladado ao hospital de urxencia, onde foi visitado polo empresario demandado, quen o deu de baixa na Seguridade Social ese mesmo día. O TSXG subliña que esa “aparencia razoable de discapacidade” do empregado “púidoa apreciar” o empresario “de propia man, ao acudir ao hospital para interesarse pola súa saúde o mesmo día do accidente”.

A “conexión temporal” entre o atropelo, a visita hospitalaria e o despedimento é “tan forte”, segundo subliñan os xuíces, “que non cabe ningunha outra conclusión máis que asociar causalmente a aparencia de discapacidade co despedimento, máis se consideramos a ausencia de feitos que puidesen acreditar unha falta de dilixencia previa na prestación de servizos”.

A Sala entende que os feitos obxectivos, é dicir, o atropelo do traballador por un vehículo que o lanzou contra a calzada e o seu traslado de urxencia ao hospital, configuran “unha aparencia razoable de incapacidade duradeira na persoa do traballador, no sentido de que as súas doenzas non presentaban unha perspectiva ben delimitada en canto á súa finalización a curto prazo ou que a dita discapacidade podía prolongarse significativamente antes do restablecemento desa persoa”.

O TSXG anular un despedimento tras un accidente laboral aplicando por primeira vez no...
comentarios