Os traballadores de Alu Ibérica levan aos tribunais o cobro das súas nóminas

Denuncian que o mes de maio houbo pagamentos de 20 e 30 euros e que a empresa non está a confeccionar os recibos das nóminas.
Traballadores e traballadoras de Alu Ibérica o pasado mes de maio ante os xulgados da Coruña o día da vista do xuízo de Alcoa (Foto: M.Dylan / Europa Press).
photo_camera Traballadores e traballadoras de Alcoa en maio ante os xulgados da Coruña o día da vista do xuízo de Alcoa (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O conflito de Alu Ibérica, herdeira das antigas plantas de aluminio de Alcoa na Coruña e Avilés, lonxe de suavizarse coa intervención xudicial, segue sumando novas frontes de batalla. A última, relativa ás nóminas do mes de maio, nas que os traballadores e as traballadoras se atoparon con importes irrisorios "de 20, 30 ou mesmo cero euros". 

Así o denuncia o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, en declaracións a Nós Diario. Explica que, ademais de que o traballador "recibe nada ou case nada", tampouco ten un recibo que lle permita xustificar a súa vinculación como persoal laboral da empresa. 

A representación dos traballadores e das traballadoras non atopa "explicación ningunha" a este comportamento por parte da empresa ─coa que non teñen comunicación─ e que tamén xera unha "situación insostíbel" nos propios sindicatos que, indica, están sen cobrar as cotas das persoas afiliadas que recolle a empresa. 

"A preocupación é máxima", admite López Corbacho, que xa adianta que van presentar unha denuncia ante a autoridade laboral. "Vimos dunha situación onde xa nin se estaban a confeccionar os recibos de nómina. Agora empezan a confeccionalos, pero non os entende ninguén", argumenta.

Audiencia Nacional

Mais as súas queixas non van quedar na Inspección de Traballo, que vai ter que investigar e esclarecer o acontecido coa nómina de maio, aínda non cobrada por parte do cadro de persoal. 

O comité tamén ten previsto trasladar a situación á Audiencia Nacional para que "constate" estes feitos e tome "medidas alternativas a esa intervención no ámbito financeiro". 

Refírese o presidente do comité á tutela xudicial das plantas decretada pola Audiencia que, como relata, "só afecta ás decisións de máis de 20.000 euros. No ámbito laboral, comercial e industrial ségueas a tomar a mesma xente", lamenta.    

Na súa opinión, a tutela "ten que estar noutra dinámica, con máis control sobre as persoas quen está a tomar as decisións na empresa; decisións de máis calado, porque o que hai non chega, e os que o están a sufrir son os traballadores", afirma.

"Estamos nunha situación de desamparo", indica López Corbacho, e "só nos queda abrir procesos xudiciais sobre outros". Deste modo é como aspiran a reclamar os salarios que lles deben, a exixir que se confeccionen os recibos das nóminas "conforme estabelece a lei", e a buscar "o máximo amparo posíbel" nos dereitos dos traballadores e das traballadoras. "Non nos queda outra", recoñece. 

A vía da intervención

"Está todo tan xudicializado que as decisións teñen que saír doutro lado", dixo o responsábel sindical, unha idea na que coincide o conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, que esta terza feira sinalou que "independentemente da intervención xudicial, o Executivo estatal ten que convocar a mesa industrial" para "poder constatar se efectivamente se cumpriron todos os compromisos que o propio Goberno avalou" na venda das antigas factorías de aluminio de Alcoa na Coruña e Avilés.

Comentarios