Os traballadores de Alcoa levantan a folga en apoio ao proceso de venda

O acordo entre comité e dirección recibiu 648 apoios. Fontes da multinacional amosaron a súa vontade de negociar unha vez se suspendeu a folga.
Imaxe de arquivo dunha protesta dos traballadores de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo dunha protesta dos traballadores de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Vía libre para que Alcoa poida negociar coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao (Cervo). 

Os traballadores de Alcoa decidiron onte en asemblea aprobar o acordo entre o comité e a dirección da multinacional para suspender a folga indefinida que mantiñan desde o pasado mes de outubro a cambio do inicio das negociacións para a venda das instalacións.

A medida contou cun 87,2% de apoios (648 votos), houbo 84 votos en contra (11,3%), sete en branco e catro nulos. En total emitíronse 743 votos de 964 traballadores censados, o que sitúa a taxa de participación no 77%, segundo os datos publicados após a votación polo comité de empresa.

Tras este "abafador resultado a favor do si", o presidente do comité, José Antonio Zan, informou de que mantiveron unha reunión coa dirección na cal se puxo o acordo "enriba da mesa", para que sexa agora a compañía a que o devolva tamén ratificado.

"En canto nolo envíen asinado por ambas as partes poderán empezar a ter paz social e a contratar os ETT, que son necesarios para o funcionamento diario, e facer indefinidos os traballadores do acordo do 28 de febreiro", destacou o representante sindical.

A partir de aí, Jose Antonio Zan agarda "que canto antes a SEPI se poña en contacto con Alcoa e agora si senten a negociar" o contido dunha operación que poida supor "a solución á viabilidade" da planta e ao futuro industrial da Mariña.

Esta negociación podería ser a única oportunidade para facer que a multinacional norteamericana cese no seu empeño de cerrar a factoría, a única de aluminio primario do Estado español, xunto coas dúas sentenzas que dan a razón aos traballadores nunha loita que manteñen aberta desde hai xa varios meses. 

Alcoa sentará novamente a unha mesa de negociación (xa o fixera en verán con Liberty House), mais daquela non chegaran a un acordo, pois a multinacional contaba  con obter o visto bo da Xustiza ao despedimento colectivo que tiña preparado para 524 traballadores.

Reaccións

Fontes da multinacional aseguraron hoxe á tarde que teñen "compromiso co diálogo" e unha "disposición a negociar de boa fe" tras coñecer que se suspende a folga. Porén, a Xustiza viu "mala fe" no Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que acabou tombando.

"Coa firma do acordo, Alcoa comprométese a traballar co comité de empresa, o Gobierno e a Xunta para atopar a mellor solución posíbel para ambas partes", afirmou.

Con todo, a empresa está á espera de que o Supremo se pronuncie sobre o seu recurso que, no caso de ser favorábel aos seus intereses, podería dar ao traste coas conversas.

Pola súa banda, a subdelegación do Goberno español en Lugo subliñou a súa satisfacción por este achegamento das posturas. Así comunicou que as e os operarios "contan co respaldo" do Goberno do Estado, "que sempre estivo implicado na procura dunha solución que garanta o emprego".

Comentarios