martes 02/03/21

O comité de Alcoa á espera da resposta da multinacional

A multinacional conta xa coa contraproposta do cadro de persoal da factoría de aluminio da Mariña. 
O comite de empresa de Alcoa na anterior negociación en Lugo (Europa Press).
O comite de empresa de Alcoa na anterior negociación en Lugo (Foto: Europa Press).

A representación sindical do cadro de persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) entregou hoxe a súa proposta á multinacional coa intención de acelerar o proceso de negociación para a venda das instalacións na Mariña á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Desde o reinicio das conversas a actitude da multinacional foi de "continuar co recurso contra a decisión do TSXG e en caso de que lle saíra favorábel as negociacións de venda quedarían suspendidas e aplicarían o ERE", segundo explica a Nós Diario o delegado sindical da CIG no comité, Xosé Paleo. Ademais afirma  que "querían que deixáramos morrer as cubas até o límite que lles permiten".   

Non executar o ERE nin parar cubas

A proposta do comité de empresa contempla que o inicio da negociación sexa para a venda da Planta e da Refinaría de alúmina de San Cibrao á SEPI comece "non máis tarde do 27 de xaneiro de 2021".

Requiren que todo o proceso conte con información "a través dunha mesa multilateral" que se convoque cada quince días e poña en marcha a "incorporación dos traballadores" despedidos.

En relación ás cubas admiten que se apaguen aquelas "que impliquen un risco potencial para a seguridade" e "substitúan as que se paren por calquera motivo".

O comité desconvocaría a folga "desde a firma" da proposta por parte de Alcoa e a empresa debería "continuar a produción de aluminio e alúmina". Durante as negociacións a multinacional debería comprometerse a "non adoptar ningunha medida extintiva de carácter colectivo".

O acordo, caso de aceptarse, aplicaríase até o 14 de outubro de 2021. A última hora de onte, o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, aseguraba nun breve comunicado que a contraproposta "difire moi substancialmente do acordado previamente". 

comentarios