O comité de Alcoa, disposto a suspender a folga se a empresa "senta a negociar unha solución definitiva"

Os traballadores encaran o Nadal "máis tranquilos" após tombar a xustiza os 524 despedimentos que pretendía a multinacional.

Manifestación de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Manifestación de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O comité de empresa de Alcoa está disposto a suspender a folga indefinida que mantén desde hai case dous meses e medio se a empresa "senta a negociar" con ambos os gobernos, estatal e galego, unha solución "definitiva" a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Dita solución debe permitir, segundo subliña o comité, que a planta de San Cibrao continúe "co 100% da produción e o 100% dos postos de traballo".

Así o recolle un texto emitido ao termo do pleno extraordinario celebrado esta sexta feira, un día despois de coñecer a sentenza que anula o despedimento colectivo para 524 traballadores que a multinacional do aluminio pretendía aplicar en Cervo.

Os traballadores condicionan esa a disposición a suspender a folga, tamén, con que a compañía sente con eles para negociar unha solución para a reactivación das cubas paradas, "a contratación de todo o persoal que perdeu o posto de traballo por mor da finalización dos seus contratos durante o proceso". Por último, instan a firma a que desista da opción de presentar recurso ante o Tribunal Supremo. Respecto diso, Alcoa informou esta mesma quinta feira que estudaría os pasos a dar despois de recibir o fallo xudicial.

Neste escenario, os traballadores encaran o nadal "máis tranquilos". O propio presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, destacou quefoi unha "noite de celebracións" na planta, aínda que el mesmo entrou na factoría "ao cinco da mañá para facer a substitución aos que estiveron na quenda de noite".

"Deitámonos máis tranquilos e con menos carga riba do corpo", celebrou. Após o fallo do alto tribunal, Zan avisa de que "agora son os Gobernos e Alcoa os que terán que moverse, isto só supón que un xulgado deu a razón" ao comité e aos sindicatos.

"Xa se deixaba ver que as causas que Alcoa dicía que eran estruturais son causas pasaxeiras e non ten sentido a aplicación deste ERTE, á parte da demostración de mala fe que tiveron e o que iso implica para todos nós", subliñou.

Por último, aproveitou para proclamar esta sentenza como "unha vitoria da Mariña". "Toda A Mariña estaba connosco e estamos orgullosos de loitar por iso", remachou.

Comentarios