VÍDEO

Traballadoras da limpeza de Lugo féchanse na sede da Xunta tras a proposta "insuficiente" da patronal

As profesionais, que levan 102 días en folga indefinida, reclaman a inclusión no convenio de cláusulas de revisión.

Traballadoras do sector da limpeza fechadas na sede da Xunta, en Compostela, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadoras do sector da limpeza fechadas na sede da Xunta, en Compostela, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

Traballadoras do servizo de limpeza de edificios e locais da circunscrición de Lugo, en folga desde o 16 de outubro, fecháronse esta quinta feira en sinal de protesta nas instalacións da Xunta da Galiza na capital galega para exixir á Administración que tome cartas no asunto e para denunciar a proposta "completamente insuficiente" recibida de parte da patronal na tarde da cuarta feira.

O acto de protesta, no que tomaron parte decenas de profesionais xunto á representante de CIG-Servizos en Lugo, Asunción Castiñeira, e o secretario xeral da Confederación Intersindical Galega, Paulo Carril, comezou ás 11 horas e prolongouse durante toda a mañá.

"Fechámonos aquí no edificio da Xunta, despois de 102 días de folga, porque a Xunta é o principal cliente destas empresas de limpeza", explicou Asunción Castiñeira, para acto seguido puntualizar que as administracións deben tomar "dunha maneira clara cartas no asunto" para lograr unha solución a un conflito que "se está prolongando demasiado".

"As traballadoras xa levan 102 días en folga e a Xunta non pode seguir mirando para outro lado", asevera Castiñeira. Critica que as administracións consintan que as grandes empresas e grupos empresariais (FCC, Eulen, Clece, Acciona, etc.) se fagan con millonarios contratos públicos no sector mentres explotan as traballadoras e as manteñen nunhas condicións salariais de miseria.

O feche tivo lugar tan só un día despois de que na tarde da cuarta feira a patronal remitira á representación do persoal unha proposta escrita (a primeira formulada desta maneira desde o inicio do paro indefinido do sector) para tratar de achegar posturas cos sindicatos.

Unha proposta "completamente insuficiente", denuncia a CIG, porque "non contempla cláusula de revisión", unha demanda que, sostén o sindicato, "permite garantir que non volva ocorrer unha situación como esta".

Unha "proposta insuficiente"

Tras 102 días en folga e cun convenio colectivo caducado en decembro de 2021, os sindicatos consideran que a proposta trasladada pola patronal supón "un comezo" na negociación pero resulta "insuficiente" e "chega tarde".

"O único avance é que sacan de enriba da mesa estabelecer o valor fixo do trienio e que os incrementos vaian a plusconvenio e non a toda a táboa salarial", indica Asunción Castiñeira, que responsabiliza a patronal Aspel de actuar con "mala fe" aínda sendo perfectamente consciente de "o que supón para as traballadoras o atraso na negociación".

"Hai un avance porque unha serie de recortes que se puxeron enriba da mesa retiráronse, pero non contempla algo que para nós é imprescindíbel, que é a cláusula de revisión", profundou, respecto da proposta recibida, a representante de CIG-Servizos.

A proposta de Aspel, que non alcanza, sosteñen desde a CIG, "para desconvocar a folga", será sometida a debate esta sexta feira na Asemblea do sector, catro día antes da celebración, a terza feura 30 de xaneiro, dunha reunión entre patronal e sindicatos.

Comentarios