Atacan con ovos a caravana das traballadoras da limpeza, en folga desde hai tres meses

A CIG rexeita e condena este suceso "covarde e insolidario" e avanza que estuda presentar unha denuncia ante a Policía.
A caravana das traballadoras, após o ataque. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A caravana das traballadoras, após o ataque. (Foto: Nós Diario)

A CIG denunciou esta segunda feira un ataque con ovos á caravana das traballadoras da limpeza de Lugo, que levan máis de tres meses en folga para reclamar "un convenio digno". A central sindical emitiu un comunicado no que rexeita e condena este suceso "covarde e insolidario" e avanza que estuda presentar unha denuncia ante a Policía.

Segundo detallan desde a CIG, esta caravana está instalada fronte á chaira do edificio multiusos da Xunta da Galiza desde o pasado 21 de novembro co obxectivo de dar visibilidade ás reclamacións das traballadoras da limpeza, que piden a intervención da Administración galega no conflito laboral.

Ademais, tamén serve como punto de encontro do colectivo e nela permanece durante a mañá e a tarde un piquete de traballadoras, a modo de recordatorio de que seguen en pé "por unhas condicións salariais e laborais xustas".

"A caravana non molesta nin estorba a ninguén, a persoa ou persoas ás que se lles ocorreu lanzar os ovos son un claro exemplo de insolidariedade. É un acto indigno que repudiamos de pleno", afirmou Asunción Castiñeira, representante da CIG.

Comentarios