A suba de anos no cómputo das pensións prexudica as mulleres e os autónomos

A proposta de reforma das pensións anunciada esta semana polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para ampliar progresivamente o período de cómputo das retribucións por xubilación a 30 anos -mais descartando os dous peores anos cotizados-, podería ter consecuencias importantes sobre as contías percibidas polas persoas que se xubilen, especialmente negativas para as mulleres e o persoal traballador por conta propia.
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español, José Luis Escrivá (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español, José Luis Escrivá (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

O cambio no sistema de cálculo das pensións por xubilación significaría que as contías percibidas polas persoas que se xubilen se calcularían cos mellores 28 anos de cotización dentro dun período total de 30 anos, segundo informaron fontes ministeriais. A proposta supón, por tanto, incrementar en tres anos o cómputo das retribucións, que se atopa actualmente en 25 anos.

O novo marco normativo impulsado desde o Executivo estatal implica darlle continuidade á reforma de pensións de 2011, aprobada polo Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero seguindo as indicacións da Comisión Europea. Os cambio impostos supuxeron a suba paulatina -entre 2013 e 2022- dos anos tidos en conta no cómputo das xubilacións desde os últimos 15 cotizados pola persoa traballadora -daquela vixentes- até os últimos 25. 

A ampliación do período de cómputo supón unha redución da pensión por xubilación das mulleres en relación coa dos homes, segundo estima o prestixioso Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social, un equipo conformado por docentes da Universitat de València e da Universidade de Estremadura. "Detectamos un posíbel problema de discriminación indirecta por razón de xénero, xa que as mulleres presentan carreiras laborais máis curtas, co cal a súa pensión inicial reduciríase", explican desde o grupo investigador.

As mulleres profesionais por conta propia sairían dobremente prexudicadas con esta proposta. Nesta dirección, o relatorio destaca que "o colectivo máis prexudicado polo alongamento do período de cómputo sería o das persoas traballadoras por conta propia, pois a inmensa maioría cotizan polas bases mínimas durante os períodos máis afastados da idade de xubilación". A este respecto, sinalan, o persoal traballador por conta propia presenta un retallo na contía notabelmente superior ao do réxime xeral, sinalando que "estamos diante dunha discriminación evidente".

Outro paso atrás na Galiza

As pensións de xubilación das mulleres galegas son actualmente 32,8% inferiores ás dos varóns. Neste sentido, o importe medio percibido polas mulleres atópase en 701,18 euros ao mes, 381,67 euros ao mes menos que o dos homes, que chega aos 1.082,85 euros. Unha fenda entre as pensións dos homes e das mulleres que está chamada a aumentar no caso de aprobarse a reforma do sistema de pensións defendida desde o Ministerio liderado por José Luis Escrivá.

Unha diminución das retribucións coa que tamén se atoparía o colectivo de autónomos. Algo especialmente preocupante no caso da Galiza, onde as pensións por xubilación das persoas traballadoras por conta propia son as máis baixas do conxunto do Estado español, cunha contía media situada en 718,47 euros ao mes.

Críticas a Escrivá

A portavoz do PP no Congreso do Estado español, Cuca Gamarra, instou Escrivá a convocar unha comisión do Pacto de Toledo para debater a proposta.

Pola súa parte, a ministra de Traballo do Estado español, Yolanda Díaz, mostrouse en contra da ampliación proposta do cálculo da base reguladora das pensións, asegurando que "dificultaría o acceso á xubilación".

O deputado do BNG no Congreso estatal, Néstor Rego, rexeitou a proposta de Escrivá. "Este aumento no período de cálculo provoca unha caída na contía das pensións futuras", explicou. O BNG defende, dixo, "reducir os anos de cómputo e permitir escoller os mellores". 

Aumento das pensións

As pensións contributivas incrementaranse en 2023 en 8,5% coa fórmula de revalorización recollida na Lei de reforma das pensións, que ten en conta para determinar a suba das prestacións o IPC interanual medio de 12 meses, de decembro de 2021 a novembro de 2022.

Comentarios