As perceptoras de pensións non contributivas reciben de complemento da Xunta a mesma cantidade que hai 12 anos

As perceptoras reciben 206 euros malia o IPC medrar 21%.
Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza)

As 37.000 persoas perceptoras  na Galiza da pensión non contributiva (PNC) van recibir antes de que finalice o ano os 206 euros cos que a Xunta complementa esta prestación estatal. Así o anunciou onte o presidente galego, Alfonso Rueda, após a xuntanza semanal do Goberno galego. Unha cantidade, 206 euros, que é a mesma que as perceptoras recibiron en 2021. E que é a mesma cantidade que leva pagando a Xunta a estes pensionistas desde 2011, cando tamén eran 206 euros. Porén, desde aquel ano até agora, o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) aumentou en 21,1%. 

A orixe deste complemento dirixido a persoas con baixos recursos data de 2009, co impulso do daquela vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, no Goberno galego de PSdeG e BNG. Naquela altura, o complemento beneficiou con 200 euros máis de 50.000 persoas.

Ese mesmo ano chegou Alberto Núñez Feixoo á Xunta e do borrador de orzamentos da Xunta para 2010 desapareceron as partidas para o complemento da pensión. Logo, Feixoo rectificou e foi dando continuidade á medida anualmente, mais manténdoa practicamente intacta na súa contía. A pesar do incremento do IPC, o complemento da pensión só experimentou unha única suba, pasando de 200 a 206 euros en 2011. Desde entón, non volveu subir. 

Actualizar en 2023

Rueda, onte, anunciou que en 2023 este complemento si que se actualizará de conformidade co IPC, tal e como recolle o proxecto de Orzamentos para o ano 2023. 

Será pois a primeira actualización deste complemento en doce anos, un período no que o IPC incrementou na Galiza por riba de 21%. 

"Sorprendido" co Colexio Médico de Pontevedra

A preguntas da prensa, o presidente manifestou estar "sorprendido" polo "ton" e o "fondo" do comunicado do Colexio de Médicos de Pontevedra, que rachaba relacións coa Consellaría de Sanidade, á que responsabilizaba de "vivir nunha realidade falsa e fantasiosa". Rueda apuntou que na Galiza hai catro colexios médicos e só o de Pontevedra deu este paso. 

O mandatario da Xunta foi máis alá e mesmo mostrou as súas "dúbidas" sobre que partillen a actitude deste Colexio Médico todos os facultativos da provincia.

Débedas aos concellos

O presidente da Xunta tamén valorou a denuncia da Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) sobre que os concellos suman 624 millóns de déficit por prestar servizos da Xunta da Galiza. 

Dixo descoñecer o estudo do que se derivan eses datos e apuntou que a Xunta encargou á Universidade de Santiago un estudo sobre este tema —"do que se descolgou a Fegamp"— para poder coñecer "realmente" a situación.

Tres anos de atraso no AVE con Portugal

Outro informe que onte se tratou foi o relativo á conexión de alta velocidade entre Lisboa e a Galiza. Alfonso Rueda parabenizou o Goberno portugués polo "compromiso" nesta infraestrutura e criticou o español por non se "pór as pilas". Afirmou que o estudo indica que o tramo galego vai con tres anos de atraso a respecto do portugués, polo que se Lisboa calcula que a súa parte estará lista en 2030, a do Estado español non estará até 2033.

Comentarios