A pensión media de xubilación na Galiza é, con 1.065 euros mensuais, 18% inferior á media estatal

Só Ourense e Lugo fican por baixo da barreira dos 1.000 euros mensuais.
A esperanza de vida na Galiza aumentou en 2021. (Foto: Nós Diario).
photo_camera As xubiladas e xubilados galegos perciben este ano, de media, 1.065 euros mensuais. (Foto: Nós Diario)

A pensión media por xubilación na Galiza alcanzou no mes de setembro os 1.065,42 euros, segundo se desprende do informe do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións difundido esta terza feira.

Porén, no conxunto do Estado español a contía media é de 1.256,96 euros, isto é, 18% máis que no caso galego. Lugo (949,96) e Ourense (893,43) son as únicas provincias que baixan do limiar de 1.000 euros.

Tomando como referencia o dato global do conxunto das prestacións —xubilación, viuvez, incapacidade, etc.—, a media a percibir na Galiza é de 932,55 euros mensuais, unha cifra só superior á de Estremadura (910,84 euros) e que resulta 17% inferior á do Estado.

Neste mesmo estudo recóllese que se destinaron neste mes unha cifra récord de 10.867 millóns de euros ao pago de pensións contributivas a nivel estatal, isto é, 6,2% máis que no mesmo mes de 2021. Desta forma, o aumento do gasto é de 4,5% interanual.

O departamento que dirixe José Luis Escrivá estima que o gasto en pensións situouse en 11,8% do PIB no noveno mes do ano, porcentaxe inferior ao de 2020 (12,4% do PIB), ano condicionado polo impacto da pandemia sobre o PIB, e tamén máis baixo que o de 2021 (12,1% do PIB).

No caso galego, hai 481.880 persoas que cobran unha pensión por xubilación, cunha media de 1.065,42 euros; mentres que as pensións por viuvez alcanzan as 184.424 cunha media de 659,55 euros.

Pola súa parte, 71.353 persoas perciben no conxunto do país unha pensión por incapacidade permanente, que teñen unha contía media de 939,82 euros.

Comentarios