As pensións incrementaranse en perto de 8,5% polo IPC: así quedarán na Galiza en 2023

Pola súa parte, as pensións non contributivas manterán para o próximo exercicio a suba pactada de 15%.
A OCDE é partidaria de reducir as pensións para garantilas (Foto: Nós Diario).
photo_camera O incremento das pensións terá un custo adicional de perto de 13.000 millóns de euros para as arcas públicas. (Foto: Nós Diario)

As pensións contributivas incrementaranse en 2023 en arredor de 8,5% coa fórmula de revalorización recollida na Lei de reforma das pensións na que se ten en conta, como referencia para determinar a suba destas prestacións, o IPC interanual medio de doce meses —de decembro do ano anterior a novembro do exercicio en vigor—.

O INE publicou esta mesma terza feira o dato adiantado do IPC de novembro, co que é posíbel anticipar canto se revalorizarán as pensións contributivas en 2023 facendo a media dos doce meses anteriores, neste caso decembro 2021-novembro de 2022. O cálculo obtido é, arredondando, de 8,5%, co que as pensións contributivas, así como o ingreso mínimo vital (IMV), subirán o próximo ano na contorna da devandita porcentaxe.

Pola súa parte, as pensións non contributivas manterán para o próximo exercicio a suba de 15% que se lles aplicou o pasado mes de xullo en virtude dunha emenda pactada polo Goberno español con EH Bildu no marco da negociación orzamentaria.

Os Orzamentos Xerais do Estado de 2023, recentemente aprobados no Congreso, non contemplaban a cifra concreta en que subirán as pensións contributivas o próximo ano porque se descoñecía o dato de inflación ao que está vinculada a súa revalorización, aínda que o Executivo calculaba que ía estar no 8,5%, décima arriba ou abaixo, como así foi.

Sexa como for, haberá que esperar a coñecer o dato definitivo do IPC de novembro, que o INE publicará o próximo 14 de decembro, para confirmar a porcentaxe exacta de aumento das pensións de 2022, malia que os datos definitivos do IPC non adoitan variar demasiado. Segundo o INE, o IPC xeral interanual de novembro situouse en 6,8%, de acordo con esa estimación inicial.

A Seguridade Social calcula que cada décima de incremento das pensións ten un custo duns 150 millóns de euros para as arcas públicas, polo que elevalas 8,5% implicará un gasto de aproximadamente 12.750 millóns de euros.

O Banco de España, pola súa parte, estima que cada décima de incremento implica un custo de 180 millóns de euros. Usando esas estimacións, o custo da suba das pensións en perto de 8,5% roldaría os 15.300 millóns de euros.

O incremento na Galiza

Tendo en conta que a pensión media ficou neste mes de novembro en 934,6 euros para as galegas e galegos, segundo os datos proporcionados a pasada semana pola Seguridade Social, o incremento previsto con base no IPC para o ano 2023 roldaría os 79,44 euros mensuais, deixando a contía total da prestación nuns 1.014,04 euros.

Comentarios