Os servizos foron o sector máis castigado pola pandemia

O informe do CES apunta a unha percepción de “frustración” sobre os PERTE.

Local de hostalaría nas rúas da zona vella de Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press).
photo_camera Local de hostalaría nas rúas da zona vella de Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press).

O pleno do Consello Económico e Social (CES) aprobou esta sexta feira o seu último informe, sobre o impacto da pandemia da Covid-19 na economía galega e elaborado en colaboración co equipo da USC liderado polos profesores Juan José Ares Fernández e Alberto Meixide Veciño. O documento certifica que o sector servizos, especialmente hostalaría e comercio, foi o máis castigado pola crise sanitaria.

O informe sinala que a contracción da economía galega alcanzou en 2020 o -8,9% e que en 2021 a recuperación do PIB foi lixeiramente inferior á estatal. En 2022 consolídase unha progresiva volta á normalidade, aínda que a invasión da Ucraína desacelerou a recuperación.

Segundo reflicte o documento, no que respecto ao emprego, os ERTE reveláronse como instrumentos chave para amortecer o impacto da pandemia o que, unido á posterior reforma laboral, logrou conter o desemprego na Galiza.

A perda do emprego durante o confinamento concentrouse no sector servizos (hostalaría, transporte, comercio, actividades artísticas e de entretemento ou turismo) e os axustes afectaron con máis intensidade a traballadores e traballadores novas e a aqueles con contratos temporais.

Industria

Con respecto da industria, os investigadores constataron que se produciu unha perda de empresas en case todos os sectores, incluso no da alimentación, a pesar de que mantivo ou incluso aumentou a súa produción.

No caso da automoción, mantívose unha tendencia ascendente na produción en 2020, pero ao longo de 2021 e en 2022 freouse dita tendencia, fundamentalmente por problemas loxísticos e de subministracións.

De feito, no informe recórdase que a planta de Stellantis produciu en 2021 uns 100.000 coches menos debido á falta de microchips.

Servizos

No sector servizos foi onde máis caeu o valor engadido bruto, especialmente en hostalaría, aínda que en menor grao que na media do Estado español. Nese ámbito, o turismo foi unha das actividades máis afectadas, cun sector que “non estaba preparado para afrontar un impacto desa dimensión”.

O informe fai alusión ás medidas postas en marcha polas Administracións e ao papel de organismos como o Igape ou Gain, con liñas de apoio ás empresas para compensar as perdas e a redución de actividade.  

PERTE

Da mesma maneira, alude ás iniciativas postas en marcha desde o Goberno, en concreto aos chamados PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica).

Ao respecto, sinala que hai unha “percepción xeral de certa frustración” porque “o alcanzado dista moito das expectativas”. Así, conclúe que o deseño deses PERTE “non se corresponde coa realidade do tecido produtivo”.

Comentarios