70% dos empregos da hostalaría galega, en perigo pola dixitalización

A robotización destruirá emprego para 38% dos galegos.
Consumición na barra dun bar coruñés, no día en que se permitiu acceder a este espazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #bar #restricións #hostalaría #comitéclínico
photo_camera Consumición na barra dun bar coruñés. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A incerteza marca o proceso de revolución tecnolóxica. Mentres un estudo encargado polo Consello Económico e Social (CES) da Galiza avanza que unha maioría da poboación observa con preocupación o seu impacto no emprego, unha investigación financiada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) indica que a robotización provocará a destrución de 70% dos empregos no sector da hostalaría.

O Consello Económico e Social vén de publicar un informe coordinado polo catedrático de Organización e Empresas da Universidade de Vigo Xosé Henrique Vázquez, onde analiza o impacto da dixitalización na sociedade galega. O traballo, titulado Galicia 2030: unha dixitalización 4.0 para unha sociedade 5.0, sinala que a maioría das persoas enquisadas consideran que o avance do proceso de transformación tecnolóxico vai provocar unha caída no emprego.

A sondaxe recollida na investigación conclúe que "38% considera que a dixitalización suporá perda de emprego neto" e "36%, que non ve un risco tan alto" de que isto aconteza. Asemade, "os homes son máis optimistas que as mulleres: 43% dos homes non está de acordo co enunciado, fronte a 44% das mulleres, que si están moi de acordo coa predición de que a maior dixitalización traerá maior perda de emprego".

A maioría da poboación galega consultada non cre que a revolución tecnolóxica reverta os procesos de deslocalización industrial vividos nunha parte dos países do centro ou da semiperiferia.

A este respecto, preguntados se "coa implantación de fábricas robotizadas e en rede volverán os postos de traballo que foron deslocalizados a países en vías de desenvolvemento", 34% dos enquisados responde negativamente, manifestándose favorabelmente "30% dos participantes que si están de acordo co enunciado (niveis 7 a 10 de acordo)".

A percepción social garda certa semellanzas coas conclusións dun relatorio elaborado a comezos de ano para o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) por un equipo de investigadores da Universidade de Compostela coordinados polos profesores, Luís Otero González e César García Nóvoa.

A investigación significa que o complexo agrícola e gandeiro vai ser o máis afectado pola dixitalización, chegando a pór en risco  até 79% dos empregos actuais. Ao tempo, perigan máis de 70% dos empregos na alimentación, automoción ou hostalaría, destacando estes dous últimos polo súa utilización intensiva de man de obra. 

Comentarios