Segunda xornada de paro e protestas na refinaría da Coruña

O colectivo de traballadores e traballadoras das empresas auxiliares acordaron continuar co paro ante a falta de compromisos da petroleira para atender as súas reivindicacións.
Persoal das contratas de Repsol bloquearon os distintos accesos á planta desde primeira hora. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Persoal das contratas de Repsol bloquearon os distintos accesos á planta desde primeira hora. (Foto: Nós Diario)

Traballadores das empresas auxiliares da refinaría de Repsol da Coruña secundan hoxe unha nova xornada de protesta, con concentracións desde as sete da mañá nas distintas portas das instalacións, "á espera de que os reciba Repsol e volva escoitar as súas reivindicacións", apuntaron representantes da CIG.

Na segunda asemblea que tivo lugar onte á tarde ás portas da factoría, o persoal das contratas resolveu continuar co paro ante a falta de compromisos de Repsol para dar solución ás súas solicitudes.

Os traballadores reiteraron "a súa firme determinación a continuar na loita para conseguir unhas condicións de traballo dignas, con todas as garantías de seguridade e para que se esclarezan as causas do accidente que lle causou a morte a Unai Martínez e deixou ferido a outro compañeiro", resumiu o sindicato nacionalista.

Cortes de tráfico

A Policía Local tivo que desviar o tráfico a primeira hora da mañá debido aos cortes que se produciron fronte aos accesos á planta desde as 7 horas.

Pola súa parte, Repsol defende nun comunicado o "diálogo constante e fluído" con representantes sindicais das empresas contratistas en materia de seguridade e prevención de riscos laborais.

A empresa trasladoulles que a investigación para determinar as causas do accidente laboral está a realizarse con "absoluto rigor" e estase levando a cabo a comisión de investigación conformada tanto por técnicos especialistas das distintas áreas da refinaría como por representantes sindicais da traballadores CIG, CC.OO., UXT, STR e USO.

Esta investigación, segundo afirmaron desde Repsol, levará "todo o tempo que sexa necesario" polo que solicitan "respecto ao labor".

Comentarios