Trasladados ao hospital dous operarios da refinaría de Repsol na Coruña por un escape de gas

Os traballadores pertencían a unha empresa auxiliar da compañía enerxética, que xa anunciou a apertura dunha investigación e dixo lamentar "profundamente" o ocorrido.
Refinaría de Repsol na Coruña (Foto: Europa Press).
photo_camera Refinaría de Repsol na Coruña. (Foto: Europa Press)

Dous traballadores dunha empresa auxiliar que participaban en tarefas de mantemento nunha das unidades de conversión da refinaría de Repsol na Coruña, actualmente en parada programada, foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) por mor dun accidente laboral no que inhalaron gases.

Fontes do ámbito laboral da factoría consultadas por Europa Press explicaron que ambos os dous foron atendidos in situ polos servizos médicos e un recuperouse case de inmediato. Con todo, foron evacuados ao hospital para analizar o seu estado.

Segundo a información facilitada ao 0112 Galiza, o sinistro está vinculado cun escape de gas "controlado e illado", remarca o servizo de emerxencias, nunha zona da planta que estaba nunha parada técnica programada. Ademais, o 112 ratificou que non existe risco para a poboación.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galiza foi informado do suceso contra as 11.15 horas, polos servizos de emerxencias da industria, que mobilizaron un equipo interno de seguridade para atender os afectados.

Investigación de Repsol

Tras o acontecido, Repsol emitiu un comunicado no que confirma o accidente e que os dous traballadores pertencen a unha empresa auxiliar.

Asegura lamentar "profundamente" o sucedido e espera a pronta recuperación dos feridos. Aliás, está "en permanente contacto coa empresa auxiliar" para ofrecerlles "todo o seu apoio".

Tamén indica que foron informadas as autoridades competentes e que a compañía abriu unha investigación para aclarar as causas do accidente.

Comentarios