Falece Unai Martínez, un dos operarios afectados polo escape de gas na refinaría da Coruña

A vítima, de 35 anos, era un activista e membro do colectivo de veciños de Palavea moi coñecido na cidade.
Traballadores da refinaría de Repsol na Coruña concentráronse esat terza feira diante da planta para exixir máis seguridade. (Foto: CCOO).
photo_camera Traballadores da refinaría de Repsol na Coruña concentráronse esat terza feira diante da planta para exixir máis seguridade. (Foto: CCOO).

Unai Martínez, de 35 anos, un dos dous traballadores da refinaría de Repsol na Coruña trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) o pasado sábado por mor dun accidente laboral no que inhalaron gases, faleceu esta terza feira ao non superar as feridas sufridas no sinistro.

Ao igual que o seu compañeiro ferido, Martínez traballaba para unha empresa auxiliar, Nervión Industrias, S.L. No momento do accidente participaban en tarefas de mantemento nunha das unidades de conversión da refinaría, actualmente en parada programada.

Tras o sinistro, ambos os dous foron atendidos in situ polos servizos médicos e trasladados posteriormente ao hospital.

O accidente vinculouse nun primeiro momento a un escape de gas "controlado e illado", segundo explicou o servizo de emerxencias 112 despois do suceso.

Maior prevención

Tras o acontecido, Repsol emitiu un comunicado no que confirmou o accidente e lamentou "profundamente" o sucedido, pendente da recuperación dos operarios feridos e dunha investigación en curso para esclarecer as circunstancias nas que se produciu o accidente laboral. Ademais, as autoridades laboral e xudicial abriron a súa investigación.

Esta mañá, compañeiras e compañeiros de traballo de Unai Martínez na refinaría de Repsol na Coruña concentráronse ás portas da factoría convocadas por CCOO "para esixir que se antepoña a seguridade á produción".

A CIG, pola súa parte, enviou un comunicado aos medios de comunicación para informar de que vai comparecer na causa penal "para que se investiguen os feitos e se depuren as responsabilidades" polo accidente.

A central, que traslada todo o seu pesar e solidariedade ás familias do traballador falecido e traballador do ferido e que se pon á súa disposición para o que precisen, advirte de que "por desgraza, este non é o primeiro sinistro mortal que se rexistra no complexo de Repsol na Coruña". Así, exixe "que se fagan as investigacións oportunas para esclarecer as causas deste gravísimo accidente e depurar todas as responsabilidades".

"A CIG condena que se sigan producindo este tipo de accidentes laborais na refinaría, que ocorren con máis frecuencia durante as paradas de mantemento e a traballadoras e traballadores das industrias auxiliares, dos que Repsol, ademais, pretende desentenderse", denuncia o sindicato, que alude de que Inspección de Traballo ten constatado deficiencias en materia de prevención na refinaría.

Pesar na Coruña

Após coñecer o falecemento de Unai Martínez, compañeiras e compañeiras e amigos e amigas da cidade da Coruña, así como colectivos sociais, culturais e deportivos inundaron as redes co seu pesar. 

Tamén Repsol trasladou as súas condolencias á familia do operario falecido ademais de convocar un minuto de silencio esta cuarta feira ante as instalacións.

A compañía, en nome dos seus traballadores, transmite o seu pesar aos familiares e á empresa na que traballaba. Ademais, indica que en sinal de duelo suspéndense os traballos de parada e de mantemento programado durante o día de hoxe.

Comentarios