Paro na refinaría de Repsol da Coruña para exixir responsabilidades á petroleira

Traballadores das empresas auxiliares piden que se esclarezan as circunstancias do accidente laboral que lle custou a vida ao compañeiro Unai Martínez.
Asemble aberta de traballadores esta mañá ás portas da refinaría de Repsol da Coruña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Asemble aberta de traballadores esta mañá ás portas da refinaría de Repsol da Coruña. (Foto: Nós Diario).

O colectivo de traballadores de Repsol xuntáronse ás portas da factoría a primeira hora da mañá en asemblea aberta para decidir os pasos a dar tras o accidente laboral do pasado sábado no que dous compañeiros resultaron feridos.

Un dos operarios, Unai Martínez, faleceu onte ao non superar as lesións producidas polo escape de gas que a petroleiras e as autoridades xudiciais están a investigar.

Os traballadores das empresas auxiliares acordaron parar. Hoxe non entraron traballar. Exixen que se esclareza o accidente que lle custou a vida a Unai Martínez, "depurar responsabilidades e que a petroleira atenda as reivindicacións do colectivo de traballadores e traballadoras das contratas", sinalaron representantes da CIG.

O seu secretario xeral, Paulo Carril, lembrou que onte á tarde creouse unha comisión, formada por representantes e ligazóns sindicais, que exixiu á dirección da petroleira que os recibise "de inmediato". "Repsol non nos dá cita até o próximo 5 de abril", indicou Carril, quen asegura que as reivindicacións que teñen "non poden esperar máis tempo".

Piquetes e nova asemblea

Operarios das empresas auxiliares elaboraron unha "táboa reivindicativa" na que inclúen maior experiencia e seguridade nos seus postos de traballo. "Menos urxencia na produción e máis présas na prevención", reclamaron onte moitos deles.

Os traballadores das empresas subcontratas de Repsol organizaron piquetes ante a refinería, o porto exterior e en Nostián, para tratar de impedir o paso de operarios e recursos das auxiliares cara a refinaría.

A partir das 18 horas, está prevista unha nova asemblea para valorar outras accións, sen descartar a folga, a sabendas de que "ás 20 horas Repsol da por acabado o duelo".

"Imos continuar en paro", engadiu. "A xente non vai incorporarse a traballar ata que non haxa unha solución a estas reivindicacións e unha interlocución con Repsol", insistiu o secretario xeral da CIG.

Solidariedade

Traballadores e traballadoras dos estaleiros de Fene e Ferrol tamén se concentraron esta mañá en sinal de repulsa e so sinistro accidente mortal en Repsol e en solidariedade coa familia, amigos e compañeiros de Unai Martínez. 

Comentarios