O sector da limpeza intensifica a súa loita por convenios dignos: paros de 24 horas en Pontevedra e Ourense

CIG, CCOO e UXT convocan 24 horas de paro.
Manifestación do sector da limpeza en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación do sector da limpeza en Lugo. (Foto: Nós Diario)

O sector da limpeza parará esta cuarta feira, 10 de xaneiro, no marco da reivindicación por conseguir melloras laborais e salariais, nunha folga convocada por CIG, CCOO e UXT. Así, o persoal galego da limpeza de edificios e locais aposta por intensificar a loita para reclamar uns convenios provinciais dignos ante o inmobilismo da patronal estatal Aspel, que "teima en oporse a unha dignificación das condicións laborais". 

Deste xeito, á folga indefinida que xa superou os 80 días en Lugo, sumaranse esta cuarta feira paros de 24 horas nas circunscricións de Pontevedra e Ourense, e tamén mobilizacións que terán lugar na cidade da Coruña. Antes destas xornadas reivindicativas, decorrerán asembleas de persoal convocadas pola CIG.

Folga e mobilizacións 

Na Coruña o persoal do sector da limpeza levará a cabo unha acción reivindicativa, ás 11 horas desta cuarta feira, na ponte peonil sobre a avenida Alfonso Molina que une Elviña con Xuxán. Ese mesmo día tamén está convocada unha concentración diante do edificio que a Xunta da Galiza ten en Lugo. 

Ademais, os paros de 24 horas convocados para Pontevedra e Ourense complementaranse con manifestacións que partirán da Subdelegación do Goberno español en Ourense (12 horas); desde o centro comercial Vialia de Vigo (12 horas) e desde o centro comercial Gran Vía da mesma cidade (17 horas); desde a pontevedresa praza da Peregrina (12.30 e 19 horas); e desde o hospital do Salnés (11 horas), en Vilagarcía de Arousa, e desde o consistorio do mesmo concello (12 horas). 

Desde a central sindical nacionalista salientan a importancia da loita que están a desenvolver as traballadoras e traballadores do sector en defensa dos seus dereitos e lembran que tanto o convenio de Lugo como de Ourense contemplan salarios inferiores ao SMI

"Mais as propostas de Aspel non chegan ao salario mínimo, mentres que en Pontevedra ofrecen unha suba de salarios do 2,66%, por debaixo do IPC real de 2023". "Un incremento do 8% en tres anos cando o IPC dos dous últimos anos foi do 12,2% é un insulto", denunciaron os representantes dos sindicatos convocantes. 

O sector reclámalle ás patronais Aelpo e Aspel un incremento salarial digno cunha cláusula de revisión. E tamén unha redución de xornada (a actual é de 38,5 horas semanais), “porque reducir a xornada en sectores con altos índices de contratación parcial supón maiores cotizacións e salarios".

Comentarios