Sancionan a adxudicataria da limpeza de Correos por incumprimentos en materia laboral

Esta resolución é a resposta á denuncia presentada por unha traballadora da limpeza de Correos en Santiago de Compostela, quen puxo en coñecemento da Inspección "as irregularidades existentes na Galiza", informa o sindicato CUT.
Vehículos de Correos (Foto: Europa Press).
photo_camera Vehículos de Correos (Foto: Europa Press).

Inspección de Traballo abriu senllos expedientes sancionadores contra a empresa SCT, concesionaria do servizo de limpeza de Correos, ao detectar incumprimentos tanto en materia laboral -por non negociar nin elaborar en prazo un Plan de Igualdade-, como en materia de prevención de riscos laborais, por non ter un Servizo de Prevención propio.

Esta resolución é a resposta á denuncia presentada por unha traballadora da limpeza de Correos en Santiago de Compostela, quen puxo en coñecemento da Inspección "as irregularidades existentes na Galiza", informa o sindicato CUT.

Entre outras cuestións, denunciaba que SCT non "entregaba o recibo de salarios excepto a aquelas persoas que o reclamasen", e que non se abonaban as pagas extra e a gratificación de marzo nas situacións de incapacidade temporal.

Ademais, apunta CUT, a empresa "non ofertou a vixilancia de saúde a todas as compañeiras nin entregou a documentación necesaria para poder acceder á mutua as 24 horas tal e como estabelece o artigo 32 do convenio".

Outras irregularidades

Entre outras irregularidades, os traballadores denuncian que non se enviou caixa de primeiros auxilios a todos os centros, que non se recoñece o tempo de traballo a efectos de compensación o investido na realización do curso de riscos laborais, e que moitas traballadoras están sen uniforme e teñen que usar a da anterior adxudicataria.

Todas estas cuestións levaron as traballadoras da limpeza de Correos a desenvolver un calendario de mobilizacións na Galiza, a máis recente esta segunda feira na oficina principal de Correos na Coruña, e a estabelecer contacto coas traballadoras do resto do estado de fronte a unha posíbel folga no outono. O sábado 2 de setembro terá lugar unha asemblea de traballadoras en Compostela.

Comentarios